O Alcalde de Verín contrata ao bufete de avogados "Garrigues" pra defensa do Concelho
Garrigues é un dos bufetes mais caros de Espanha !
Non ha ter moita confianza, o Alcalde verinés, no persoal do departamento xurídico do Concelho de Verín, composto por varios técnicos/as, un interventor e umha secretaria (todos licenciados en dereito) e, tampouco, no persoal do departamento de Asesoría Xurídica da Deputación Provincial d'Ourense; cando, tan excelente senador, vai cargar aos vicinhos/as de Verín cun novo gasto, derivado contratación do letrado Francisco Javier García Martínez, Responsábel do departamento de Dereito Administrativo e Urbanismo da empresa: J&A Garrigues S.L.P., mais conhecido como Bufete Garrigues.
Que lonxe fican as declaracións de Jiménez Morán, acusando á CIG de provocar prexuízos á economía do Concelho. Textualmente, La Región: 26/11/2013:
El alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, cargó ayer contra la Confederación Intersindical Galega (CIG), acusándole de plantear pleitos continuamente contra el Concello, algo que afecta a todos los verinense. 'Iniciou un proceso por cuestión laboral no 2007 que nos costou 58.841 euros. Despois, tivemos outro de 19.000 e no 2012 outro que nos leva costado 10.000 euros', señaló el regidor, recordando que la mayoría de las sentencias son desfavorables a la formación sindical, 'pero temos que defendernos e isto costa diñeiro ás arcas municipiais'.
A memoria é fráxil e a do Alcalde Senador, Morán, coma o vidro. Esqueceu, moi doado, o rexedor verinés o contido das acusacións lanzadas contra a CIG, en novembro do ano pasado. O que daquela era moi grave, agora, tornou en menos grave; mesmo, a nada que nos despistemos, acabará por ser útil. Que os vicinhos/as de Verín deban sufragar os honorarios dun dos bufetes de avogados mais caros de Espanha: o Bufete Garrigues, de certo terá a súa xustificación, dada a utilidade que, tamén, lhe han atopar os do PP, como sexa: moi probabelmente esteamos ante umha grande operación pros verineses e verinesas que deberán sentirse moi orgulhosos de que o Concelho sexa defendido a prezo d'ouro.
En fin, non estaría demais que Jiménez Morán explicase, publicamente, aos que sufragan con impostos os gastos das súas decisións, algumha das interrogantes que se deducen da contrata do bufete Garrigues. Por exemplo: Pra qué, dispondo de 4 técnicos-xurídicos na nómina do Concelho de Verín e mais da Asesoría Xurídica da Deputación de Ourense en pleno, se precisa un bufete de avogados tan caro como o Garrigues ? En nengún caso poderá ser pra melhorar as posibilidades de defensa xurídica do Concelho, posto que, segundo Morán, sempre todas as sentenzas xudiciais lhe diron a razón a el. Entón pra qué ? Hai algún proceso urbanístico que non conhezamos o común dos mortais e que afecte ao Concelho de Verín ? Ténhase en conta que a especialidade do contratado é o urbanismo.