Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O 10 de marzo celebrarase a vista pola demanda de extinción de contratos formulada por máis de 75 traballadores/as da Vidreira

01 Mar 2010

O Xulgado Social nº 3 de Ourense, dando a razón aos/ás traballadores/as e á CIG, vén de declararse competente para resolver o caso

A maioría dos operarios/as da V.A., S.A., obrigados pola situación concursal a que foi levada a empresa, por parte dos seus administradores sociais e do Grupo BA Vidiro, S.A., olláronse na obriga de demandar perante a xurisdición social, para preservar os seus dereitos e intereses, a rescisión voluntaria dos seus contratos de traballo, por falta de ocupación efectiva e violación de dereitos fundamentais.

Tras a declaración de concurso e a presentación dun ERE por parte da Dirección da Vidreira,S.A. que pretendía extinguir as relacións laborais de todos os operarios da fábrica limiá, con indemnizacións de 20 días de salario por ano de servizo; a maioría do cadro de persoal (75 traballadores/as) non tivo outro remedio que optar entre agardar a recibir esa indemnización na xurisdición mercantil, ou moverse para tentar tirar do xulgado mercantil a extinción das súas relacións laborais e levala aos xulgado sociais da provincia, nos que as indemnizacións son de 45 días de salario.

Segundo explica o responsábel da CIG de Verín, Anxo García Torres, o día 14 de Xaneiro do 2010, prevendo a presentación dun ERE por parte da empresa, a maioría dos operarios/as formularon demandas de extincións individuais das súas relacións laborais perante os Xulgados do Social de Ourense, reclamando a condena solidaria á Vidreira do Atlántico, S.A. e ao Grupo BA Vidrio, S.A., a 45 días de salario por ano de servizo, así como a unha indemnización complementar por cada traballador/a de até 100.000 euros, destinada a resarcir os danos e prexuízos ocasionados pola vidreira. e o Grupo BA, Vidrio, pola violación dos seus dereitos fundamentais á folga, á liberdade sindical, á negociación colectiva e á dignidade.

Formulada a demanda dos traballadores/as, tanto os representantes da Vidreira do Atlántico como os Administradores Concursais designados polo Xulgado Mercantil de Ourense, opuxéronse á que o Xulgado Social nº 3 de Ourense admitise a trámite a acción dos operarios/as, sinalando que tal órgano xudicial non era competente para ventilar a extinción dos contratos, por canto, existindo un concurso, debía ser a xurisdición mercantil a que ventilase esta materia, no ERE proposto pola empresa e admitido polo Xulgado Mercantil.

O pasado día 26 de Febreiro do 2010, o Xulgado Social nº 3 de Ourense, dando a razón á letrada da CIG e dos traballadores/as da Vidreira, declarouse competente para resolver a demanda de extinción dos mais de 75 traballadores/as, confirmando que a data para a celebración do xuízo será o día 10 de Marzo do 2010, ás 9:00 horas.

Dereito á tutela xudicial efectiva

“Dende a Unión Local da CIG de Verín, coa prudencia precisa pola gravidade da situación na que nos atopamos, debemos mostrar a nosa satisfacción por poder exercitar o dereito á tutela xudicial efectiva, na xurisdición natural dos traballadores e traballadoras que é a social, non na xurisdición dos empresarios que é a mercantil”, sinálase nun comunicado. Nesa dirección, saliéntase que, tras os Informes da Inspección Provincial de Traballo e Seguranza Social, no que atinxe ao apagado ilegal do forno de fusión e á falta de ocupación efectiva na que se atopan os traballadores/as dende o 28/12/09, o preito social do día 10 de Marzo do 2010, suporá a confirmación do que o Comité de Empresa, traballadores/as e CIG veñen denunciando dende hai mais dun ano: a violación permanente e sistemática dos dereitos fundamentais dos traballadores/as e o atentado contra a produción en Xinzo da Limia para delocalizala cara outras industrias do Grupo BA Vidrio, S.A.

Para preparar o xuízo do día 10 de Marzo, así como a concentración de traballadores e traballadoras que se desenvolverá ese mesmo día pola mañá diante do Pazo de Xustiza de Ourense, a CIG e o Comité de Empresa teñen convocada unha Asemblea Xeral de Traballadores/as, a celebrar o próximo día 5 de Marzo (venres), ás 19:00 horas, na Casa do Concello de Xinzo da Limia.

Volver