NOVA BOLSA DE EMPREGO NO CONCELLO DE TRASMIRAS
É para o servizo de axuda no fogar
O concello de Trasmiras fai público no BOP do luns 21 de novembro que por resolución da alcaldía do 16 de novembro de 2022, aprobáronse as bases reguladoras das probas selectivas para a constitución dunha bolsa de emprego de persoal auxiliar de axuda no fogar, persoal laboral temporal, para os efectos de reforzar a bolsa de emprego actual (anos 2021/2023), aprobada por resolución da alcaldía do 23 de decembro de 2020, para prestar o servizo de axuda no fogar, para os efectos de cubrir necesidades transitorias que requiran puntualmente a contratación de persoal laboral para realizar substitucións por ausencias de persoal, incapacidade laboral transitoria, permisos ou licenzas, acumulación de tarefas nese servizo, atender a programas ou servizos temporais, estacionais ou urxentes que non poidan prestarse co persoal existente ou estean subvencionados por outras administracións públicas, e prazas vacantes até a súa adxudicación polo procedemento de estabilización, dunha maneira rápida e áxil, co fin de poder continuar dándolles o servizo aos veciños e veciñas deste concello.
- Modalidade de contratación: contratación laboral temporal para obra ou servizo determinado.
- Xornada: por determinar, segundo as necesidades de cada momento.
- Servizo: Servizos Sociais, auxiliares de axuda no fogar deste concello.
- Sistema de selección: concurso.
- Duración do contrato: segundo a necesidade de contratación.
- Prazo e lugar para presentar as solicitudes: 5 días hábiles, que contarán a partir do día seguinte ao de publicarse este anuncio no BOP, no Rexistro Xeral do Concello, de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 h, ou polas outras formas que establece a Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O texto íntegro das bases de selección está publicado no taboleiro de anuncios do concello de Trasmiras, situado nas oficinas municipais, e mais na sede electrónica. Os anuncios sucesivos publicaranse exclusivamente na sede electrónica e no taboleiro de anuncios do concello de Trasmiras.