Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

NOVA BOLSA DE EMPREGO NO CONCELLO DE BARBADÁS

16 Nov 2021

Trátase de postos para o Servizo de Axuda no Fogar

O concello de Barbadás fai público no BOP do 16 de novembro que por resolución da alcaldía, con data 26 de outubro de 2021,aprobáronse as bases reguladoras para a creación dunha bolsa de traballo para a contratación de persoal laboral temporal de auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar para o Concello de Barbadás. Ábrese a presentación de solicitudes, que será de dez días hábiles contado dende o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Ourense.

Xúntanse as bases que rexerán a convocatoria:

Bases reguladoras para a creación dunha bolsa de traballo para a contratación de persoal laboral temporal do servizo de axuda no fogar para o Concello de Barbadás.

Exposición de motivos.

O Concello de Barbadás está a prestar o Servizo de Axuda no Fogar, consistente en ofrecer un conxunto de atencións a persoas ou unidades de convivencia, dende unha perspectiva integral e normalizadora, no propio domicilio, para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu medio natural e ao que na actualidade, o concello está a prestar unha media de 973 horas (atendendo a datos de xaneiro a xullo de 2021), das cales, máis do 85% están dirixidas a persoas en situación de dependencia, que teñen dereito recoñecido á prestación do servizo todos os días do ano, independentemente das incidencias que se produzan na xestión do persoal que o presta, esta concellería considera a necesidade da constitución dunha bolsa de emprego, que poida cubrir os postos de traballo durante as vacacións, baixas laborais e permisos, así coma calquera outro factor que así o fixese necesario (coma por exemplo, incremento das horas asignadas ao servizo por parte da Xunta de Galicia), de cara a poder garantir o dereito de atención ás persoas en situación de dependencia así coma as persoas que teñen recoñecido o servizo pola modalidade de libre concorrencia, establecendo un procedemento áxil para a inmediata posta a disposición no dito servizo de persoal cualificado para a súa correcta prestación. As contratacións realizadas dentro da bolsa terán carácter temporal e serán consecuencia de necesidades urxentes e inaprazables que afecten á eficiencia do servizo. Respectando en todo caso as dispoñibilidades orzamentarias do Concello de Barbadás, para adaptar a contratación laboral á legalidade vixente, de conformidade coa Lei de orzamentos xerais do Estado, considerando a existencia de necesidades urxentes e inaprazables que fan imprescindible a contratación laboral temporal, afectando a servizos públicos esenciais.

I. Disposicións xerais

Base primeira. Obxecto.

1. Estas bases teñen por obxecto regular o procedemento de selección para a creación dunha bolsa de traballo para a contratación de persoal laboral interino, con carácter temporal que sexa necesario para cubrir as necesidades de persoal do Servizo de axuda no fogar a condición de que se requira unha cobertura áxil ou urxente para atender a dita demanda.

2. A través deste proceso selectivo constituirase unha bolsa de traballo para a especialidade sinalada.

3. Fóra daqueles supostos nos que en virtude dunha subvención outorgada para o efecto ou outra normativa de referencia así o estableza, esta bolsa de traballo será a canle única de selección de persoal laboral de carácter temporal dentro del perfil profesional sinalado.

Base segunda. Supostos de aplicación e características do contrato

As necesidades de persoal de carácter temporal correspondentes á categoría sinalada que poderán ser cubertas mediante un dos candidatos integrados na bolsa de traballo serán aquelas que se produzan como consecuencia dalgúns dos supostos seguintes:

a) Substitución de persoal laboral en situación de incapacidade temporal.

b) Substitución de persoal laboral durante os períodos de descanso por maternidade, adopción, acollemento, risco durante o embarazo, risco durante a lactación natural ou suspensión por paternidade.

c) Substitución de persoal laboral en situación de excedencia, comisión de servizos con dereito a reserva de posto, por baixas por enfermidade, licenzas e permisos ou situación de servizos especiais.

d) Substitución de persoal laboral vítima de violencia de xénero que suspendan o seu contrato de traballo no termos da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

e) Substitución de persoal laboral que accedan á xubilación parcial.

f) Excepcionalmente, para a execución dun programa específico cunha duración inferior a seis meses, a condición de que debido á súa especialidade ou outras circunstancias, non sexa posible o seu desenvolvemento con persoal municipal, debendo quedar expresamente xustificado.

g) Excepcionalmente, cando por acumulación de tarefas na actividade normal do servizo así o esixa, cunha duración máxima de seis meses dentro dun período de doce, contados desde o momento no que se produzan as ditas causas.

2. Nos casos aos que se refiren as letras a), b), c) e d) utilizarase a modalidade de contratación temporal de interinidade. Para o suposto ao que se refire a letra e) o contrato temporal utilizado será o de substitución. Para o suposto ao que se refire a letra f) o contrato temporal utilizado será o de obra ou servizo. Para o suposto ao que se refire a letra g) o contrato temporal utilizado será o contrato eventual por circunstancias da produción.

3. O contrato temporal realizase a xornada completa excepto:

a) Que o traballador substituído estivese contratado a tempo parcial

b) Que se realice para completar a xornada reducida dos traballadores que exercitaron tal dereito.

c) Que se trate dunha das modalidades recollidas na letra f) e g) do apartado anterior, que poderán realizarse a xornada completa ou parcial.

4. A xornada de traballo a tempo completo establecerase segundo a normativa podendo ser as xornadas de cada traballador continua ou partida en horario de mañá, tarde ou noite, e podéndose fixar xornadas de luns a domingo, segundo as necesidades de cada servizo, sen prexuízo do descanso semanal. A xornada de traballo a tempo parcial poderá ser continuada ou partida en horario de mañá, de tarde ou noite, e podéndose fixar xornadas de luns a domingo, segundo as necesidades de cada servizo, sen prexuízo do descanso semanal.

A xornada de traballo e as retribucións no supostos ao que se refiren as letras a), b), c) e d), serán os que correspondan á persoa que substitúan.

5. O contrato de interinidade extinguirase por reincorporación do traballador ou pola finalización da causa que deu lugar á reserva do posto de traballo.

O contrato de substitución ao que se refire a letra e) extinguirase cando o traballador ao que se substitúe alcance a idade establecida no apartado 1 do artigo 166 da Lei xeral da seguridade social ou transitoriamente as idades previstas na disposición vixésima da devandita lei.

O contrato de obra ou servizo ao que se refire a letra f) extinguirase por finalización do programa específico, cun prazo máximo de seis meses.

O contrato eventual por circunstancias da produción ao que se refire a letra g) extinguirase no prazo acordado no contrato, cos límites sinalados na devandita letra.

II. Procedemento de selección

Base terceira. Requisitos dos solicitantes.

1. Poderán formar parte do procedemento selectivo para a constitución dunha bolsa de traballo os solicitantes que reúnan os seguintes requisitos xerais:

a) Ter a nacionalidade española ou dun estado membro da Unión Europea ou estranxeiro segundo o previsto no art. 10.2 da Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, e a súa lexislación de desenvolvemento.

b) Ter cumpridos os 16 anos de idade e non exceder da idade máxima de xubilación forzosa.

c) Non padecer enfermidade nin estar afectado por límite físico ou psíquico que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

d) Non estar separado do servizo de calquera das Administracións Públicas mediante expediente disciplinario, nin acharse inhabilitado para o desempeño de empregos ou cargos públicos. En caso de ser nacional doutro estado, non acharse inhábil.

e) Con respecto á titulación requírese:

- Estar en posesión do título de certificado de escolaridade, e dalgún dos seguintes títulos ou certificados:

- Certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, regulado no Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto.

- Certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto.

- Título de técnico en coidados auxiliares de enfermaría, establecido polo Real decreto 546/1995, do 7 de abril, ou os títulos equivalentes que establece o Real decreto 777/1998, do 30 de abril.

- Título de técnico en atención a persoas en situación de dependencia, regulado polo Real decreto 1593/2011, do 4 de novembro.

- Calquera outro título ou certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais aos referidos anteriormente, sempre que cumpran cos requisitos establecidos e sexan válidos segundo os sinalados no mencionado decreto 99/2012, do 16 de marzo, (no que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento)

f) Dispoñer da formación adecuada en materia de manipulación de alimentos.

Todos os requisitos e condicións enumerados nos apartados anteriores, deberán reunirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante a vixencia da relación con este concello.

Base cuarta. Solicitudes e lista de admitidos.

1. No prazo de 10 días hábiles desde a publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia os interesados para participar neste proceso selectivo poderán presentar a solicitude no Rexistro Xeral do Concello de Barbadás, sen prexuízo do establecido no art.16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Estas bases publicásense tamén na web e no taboleiro de edictos do concello.

2. A solicitude, asinada pola persoa interesada ou polo seu representante legal, formularase en instancia normalizada que se xunta como anexo I, e acompañarase da seguinte documentación:

• Documento nacional de identidade ou documento equivalente, copia compulsada ou orixinal.

• En todo caso, orixinal ou copia compulsada ou resgardo da solicitude da titulación esixido na letra e) da base terceira.

• Declaración xurada de non ser separado mediante expediente disciplinario do servizo do Estado, comunidades autónomas ou entidades locais e non atoparse inhabilitado para o exercicio da función pública.

• Relación de méritos que se alegue.

• En todo caso, informe de vida laboral actualizado expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, con expresión do grupo de cotización e dos períodos cotizados.

• No seu caso, para acreditar a experiencia laboral no sector público, será necesario presentar orixinal ou fotocopia compulsada de certificados ou documento que corresponda, segundo especialidade e categoría profesional, data de inicio e finalización.

• No seu caso, para acreditar a experiencia laboral no sector privado e por conta allea, será necesario presentar ademais orixinais ou fotocopias compulsadas dos contratos de traballo nos que conste a categoría profesional e especialidade dos postos desempeñados. En defecto de contrato, poderá presentarse recibo de nómina ou certificado de empresa. Se existise contradición entre o contrato e o informe de vida laboral en canto á categoría laboral, estarase á definición que por este concepto figure no contrato laboral. En caso de omitirse a categoría laboral no contrato estarase ao grupo de cotización que figure no informe de vida laboral.

3. Unha vez expirado o prazo de presentación de instancias, o órgano competente ditará resolución aprobando as listas provisionais de admitidos e excluídos, que serán publicadas no taboleiro de anuncios deste concello así como na páxina web municipal (www.barbadas.es), concedendo un prazo de 10 días para a emenda de solicitudes e presentación de reclamacións. Se transcorrese o devandito prazo sen que se formule reclamación ningunha, a lista elevarase a definitiva automáticamente sen necesidade de nova resolución nin publicación. Así mesmo, xunto á publicación das listas provisionais será obxecto de publicación a composición do Tribunal Cualificador nomeado de conformidade coa base quinta, contra cuxos membros se poderá presentar no mesmo prazo de dez días hábiles unha solicitude de recusación ou abstención. Logo de terminar o prazo de dez días para posibles alegacións, procederase á aprobación da lista definitiva de aspirantes admitidos e excluídos no proceso selectivo, a cal será obxecto de publicación no taboleiro de anuncios deste concello e na páxina web municipal (www.barbadas.es).

Base quinta. Tribunal cualificador.

1. O Tribunal Cualificador será nomeado mediante decreto da Alcaldía, axustándose a súa composición aos principios de imparcialidade e profesionalidade dos seus membros e tenderá, na medida do posible, á paridade entre muller e home, de conformidade co artigo 60 del Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público.

2. O órgano de selección estará composto polo presidente e catro vocais, e un secretario.

3. Todos os membros do tribunal de selección deberán posuír un nivel de titulación igual ou superior ao esixido para o ingreso na praza convocada e haberán de ser funcionarios de carreira que pertenzan ao mesmo grupo/subgrupo ou grupos/subgrupos superiores de entre os previstos no artigo 76 del Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público, con relación á titulación esixida para a categoría profesional á que se refire o procedemento de selección.

4. A pertenza ao tribunal cualificador será sempre a título individual, non poderá realizarse en representación ou por conta de ninguén.

5. A Presidencia coordinará a realización do proceso selectivo e dirimirá os posibles empates nas votacións co seu voto de calidade. Todos os membros do Tribunal terán voz e voto. O secretario actuará con voz pero sen voto.

6. Os membros do Tribunal Cualificador deberán de absterse de formar parte deste cando concorran as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 34/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico del sector público, comunicándollo á Alcaldía. Tampouco poderán ser nomeados membros do Tribunal Cualificador, quen realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas no cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria. Así mesmo, os aspirantes poderán recusar aos membros do Tribunal de Selección cando entendan que se dan as circunstancias reguladas no artigo 24 da citada lei.

7. Por solicitude do Tribunal Cualificador poderá disporse a incorporación de asesores especialistas, para todas ou algunhas das probas. Os devanditos asesores colaborarán co órgano de selección exclusivamente no exercicio das súas especialidades técnicas e terán voz pero non voto.

8. Cando o número de aspirantes así o aconselle, o Tribunal Cualificador poderá designar colaboradores administrativos, que baixo a supervisión do secretario do Tribunal permitan garantir un áxil e adecuado desenvolvemento do proceso selectivo.

9. O procedemento de actuación do Tribunal axustarase ao disposto nos artigos 15 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico del sector público.

10. Contra os actos e decisións do Tribunal Cualificador, incluídas as peticións para a revisión de cualificacións, así como as que imposibiliten a continuación do procedemento para o interesado ou produzan indefensión e que se baseen en calquera dos motivos de nulidade ou anulabilidade previstos nos artigos 47 e 48 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, poderase interpor polo interesado recurso de alzada ante o alcalde do Concello de Barbadás, de conformidade co establecido no artigo 121.1º da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro, sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se estime oportuno.

Base sexta. Procedemento selectivo.

1. O procedemento para a selección dos aspirantes a integrar a bolsa de traballo será o sistema de concurso de méritos.

2. O concurso consistirá nunha valoración dos méritos alegados, ata un máximo de 7 puntos, referidos á experiencia profesional e á formación dos aspirantes.

2.1. Experiencia profesional. Máximo de 7 puntos.

Valorarase o desempeño de funcións similares, con igual ou superior nivel da especialidade ofertada, ata un máximo de 5 puntos, distinguíndose en función da seguinte relación:

a) Na Administración local: 0,25 puntos por cada mes de servizos prestados, ata un máximo de 2 puntos.

b) Noutras administracións públicas: 0,10 puntos por cada mes de servizos prestados, ata un máximo de 2 puntos.

c) En empresa privada ou pública: 0,05 puntos por cada mes de servizos prestado, até un máximo de 1 punto.

2.2 Pola realización de cursos ou xornadas relacionadas co contido do posto de traballo: máximo de 3 puntos

- Cursos de duración menor a 20 horas: 0,10 puntos por curso.

- Cursos de duración entre 20 e 30 horas: 0,20 puntos por curso.

- Cursos de duración entre 31 e 40 horas: 0,30 puntos por curso.

- Cursos de duración entre 41 e 50 horas: 0,40 puntos por curso.

- Cursos de duración entre 51 e 80 horas: 0,50 puntos por curso.

- Cursos de duración entre 81 e 100 horas: 0,80 puntos por curso.

- Cursos de duración superior a 100 horas: 1 puntos por curso.

Para calquera titulación distinta das anteriores estarase ao disposto na Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis do coñecemento da lingua galega (Celga). DOG num. 34, 19 de febreiro de 2014. En caso de empate, a orde establecerase atendendo en primeiro lugar en favor do aspirante que prestase máis tempo de servizos na Administración local; en segundo lugar, do que prestase máis tempo de servizos noutras administracións públicas e en último, en favor de quen teña máis idade.

Unha vez realizada a valoración de méritos polo Tribunal, ditarase resolución provisional que será publicada no taboleiro de anuncios deste concello e na páxina web municipal (www.barbadas.es), indicando a valoración correspondente. Os aspirantes disporán dun prazo de 10 días para formular calquera reclamación sobre a puntuación obtida, resoltas as cales, se as houbese, publicarase a orde de cualificación definitiva no taboleiro de anuncios deste concello e na páxina web municipal (www.barbadas.es). Utilizarase a lista resultante coa orde de puntuación nela establecido como bolsa de traballo.

Proba de coñecemento da lingua galega.

En aplicación do previsto non artigo 51.2 da Lei 2/2015 do emprego público de Galicia respecto da acreditación do galego, aquelas persoas que non acrediten coñecementos en lingua galega no nivel Celga 2 ou equivalente, deberán realizar obrigatoriamente unha proba de galego que consistirá na tradución sen dicionario dun texto proposto previamente polo tribunal, de castelán ao galego, nun tempo máximo de trinta minutos. Este exercicio será cualificado de apto ou non apto, quedando excluídos os/as candidatos que non superen a proba. O día e hora da proba da lingua galega, de ser precisa, publicarase coa listaxe definitiva de admitidos/as e excluídos/as. As cualificacións publicaranse xunto coa valoración provisional de méritos.

III. Funcionamento da bolsa de traballo

Base sétima. Chamamento para a incorporación dun aspirante.

1. Cando as necesidades do servizo así o requiran e en calquera dos supostos aos que se refire a base primeira, procederase sempre ao chamamento do candidato da bolsa de traballo con maior cualificación nela e por estrita orde nesta. No entanto, será posible a selección directa dun candidato da bolsa que substitúa a un empregado público cando o chamamento se produza polo mesmo feito causante e nun prazo menor a un mes entre a finalización da contratación precedente e o novo chamamento. No caso de que sexa chamado un candidato da bolsa no suposto ao que fai referencia a letra e) do parágrafo primeiro da base segunda, comprobarase que o candidato se atopa inscrito como demandante de emprego. En caso contrario, procederase a sucesivos chamamentos ata o cumprimento por un candidato da devandita condición.

2. Sen prexuízo do establecido para o procedemento de urxencia, na comunicación da oferta de traballo temporal utilizarase calquera procedemento que garanta a constancia escrita, electrónica ou telefónica da súa recepción, tendo en conta as formas de comunicación cuxa preferencia sexa determinada polos candidatos como preferentes.

3. O aspirante chamado disporá, como regra xeral, de vinte e catro horas naturais desde a súa recepción para aceptar ou rexeitar a oferta. Cando se efectúe por medios electrónicos, será de aplicación o disposto no artigo 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas. En caso de non existir resposta do aviso, entenderase que se renuncia ao posto e poderase chamar ao seguinte candidato da lista.

Base oitava. Formalización do contrato ou resolución de nomeamento.

1. Unha vez obtida a conformidade do interesado chamado, o órgano competente procederá a ditar resolución na que se dispoña a formalización do contrato, con expresión da categoría profesional, tipo de contrato, porcentaxe de xornada e demais determinacións establecidas pola lexislación laboral.

2. Así mesmo, no expediente tramitado deixarase expresa constancia das variacións producidas na bolsa de traballo.

3. As seccións sindicais con representación no Concello de Barbadás poderán, tras a solicitude previa, acceder á información relativa ao estado das bolsas, sen prexuízo das precaucións que sexan necesarias de conformidade coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

Base novena. Causas de exclusión da bolsa de traballo.

1. A exclusión dun aspirante da bolsa de traballo producirase por algún dos seguintes supostos:

a) Solicitude expresa, na que se fará constar o tempo polo que se solicita a exclusión.

b) Rexeitamento de oferta de traballo adecuada por causa non xustificada.

c) Falta de incorporación ao seu posto de traballo tras a aceptación da oferta por causa non xustificada, excepto o rexeitamento a un chamamento efectuado polo trámite de urxencia.

d) Non superación do período de proba.

e) Por ser sancionado, con carácter firme, por unha falta tipificada como grave ou moi grave.

f) Se tras a finalización dun contrato, o interesado xera dereito a paro.

2. Para estes efectos enténdese como causa xustificativa do rexeitamento da oferta ou da falta de incorporación por algún dos seguintes motivos:

a) Enfermidade do candidato que lle impida o desempeño do posto de traballo, sempre que sexan debidamente acreditadas mediante certificado médico.

b) Maternidade ou paternidade, dentro do período legalmente establecido para o goce do permiso debido á devandita situación.

c) As contratacións noutra empresa ou o nomeamento na Administración.

d) Alta no réxime de autónomos.

e) Coidado de familiares dependentes, que sexan debidamente acreditadas, anteriores á data na que se realiza a oferta ou se produce a incorporación.

3. A exclusión, segundo o motivo, terá unha duración de:

a) Polo tempo que conste na solicitude, se está motivada pola causa 1.a) desta base.

b) Por un ano, se está motivada polas causas 1. b) e 1.c) desta base. Unha vez transcorrido o devandito prazo, o interesado deberá solicitar o reingreso na lista.

c) De maneira definitiva, se está motivada polas causas 1.d) e 1.e) desta base.

d) Por seis meses, se está motivada pola causa 1.f) desta base. Unha vez transcorrido o devandito prazo, o interesado deberá solicitar o reingreso na lista.

Base decima. Vixencia da bolsa.

A bolsa de traballo resultante deste proceso de selección de persoal estará vixente ata a posta en marcha dun novo proceso que a substitúa, a actualice ou a modifique.

Base décimo primeira. Actualización da bolsa.

Anualmente abrirase un período, do día 1 ao 10 de xaneiro de cada ano, para a actualización de méritos e a presentación de novas solicitudes, que se publicará na páxina web do concello, o taboleiro de edictos, e a sede electrónica do Concello de Barbadás.

As solicitudes presentadas serán valoradas seguíndose o procedemento establecido nestas bases. Os/as solicitantes pasarán a ocupar o lugar que lles corresponda na lista, segundo a puntuación obtida. A nova lista conformada constituirá a bolsa de traballo.

Disposición final única

Estas bases, a convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela, poderán, no seu caso, ser impugnados polos interesados na forma disposta na Lei de procedemento administrativo  común das administracións públicas, e demais normas concordantes, os cales serán indicados no momento da publicación ou, no seu caso, notificación destes. Ao proceso selectivo seralle de aplicación o establecido na Lei 7/1995, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; no texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de Réxime Local 781/1986, do 18 de abril; no Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico del empregado público, no Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, procedemento administrativo común das administracións públicas.

Anexo I

Solicitude de participación na creación dunha bolsa de traballo para a contratación de persoal laboral temporal do Servizo de Axuda no Fogar para o Concello de Barbadás.

Apelidos, nome: ...

DNI: ...

Enderezo: ...

Teléfono: ...

Correo electrónico (para os efectos de notificacións): ...

Informado/a da convocatoria manifesta:

• Que desexa participar no procedemento de selección arriba indicado, polo que solicita que sexa admitida esta solicitude e a documentación que se achega, coa finalidade de participar no dito procedemento.

• Non atoparse afectado/a en procedemento administrativo ou xudicial que sexa ou poida ser incompatible co exercicio das súas funcións así como posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas.

• Que non está incurso/a nos supostos de incompatibilidades previstas na lexislación vixente.

• Que posúe todos os requisitos esixidos nas bases con referencia ao último día de prazo de presentación das instancias.

• Que achega orixinal ou copia compulsada dos seguintes documentos (indíquese cunha X ou que proceda).

- DNI.

- Titulación requirida.

- Relación de méritos que alega xunto cos orixinais ou copias compulsadas dos documentos xustificativos.

..., ... de ... de 2021...

Sinatura: ...

AO ALCALDE DO CONCELLO DE BARBADÁS

Volver