Industria comprométese a que a mediados do 2010 chegue o gaseoduto á factoría de Vidreira do Atlántico
Novas accións dos traballadores para solucionar o conflito
Concretamente, a Dirección Xeral de Industria, en cumprimento do compromiso adquirido, no seu día, co Comité de Folga, remata de enviar, á Dirección Empresarial e ao propio Comité, un informe relativo á viabilidade e custes de afrontar o extensión do gaseoduto que na actualidade remata no Concello de Sarreaus, ao Polígono Industrial de Xinzo da Limia.
Os dados mais salientábeis da alternativa ofrecida pola Consellaría teñen a ver con dúas cuestións básicas que demostran o atinado dos presupostos do Comité de Folga.
Activación no mes de marzo de 2010
Por unha banda, a Administración autonómica comprométese a operativizar o gaseoduto (se a empresa así o demanda) no prazo de 12 ou 13 meses, activándoo no mes de Marzo do 2010.
E pola outra, a Administración tamén se compromete a concretar (se á empresa lle interesa) un "marco financeiro onde se estabeleza a participación económica da Consellaría de Innovación e Industria dentro da Estratexia Energos II", de cara a atender (en parte ou totalmente) os custes do orzamento da execución da obra necesaria (ao redor de 3.500.000 de euros).
En conclusión, o Comité de Folga e os traballadores/as da Vidreira do Atlántico avalian que "coidamos ter demostrado, sobradamente, que o único obxectivo patronal actual, de manterse a alternativa de recurtes salariais, ten a ver con executar unha política de agresión laboral e capitalismo salvaxe, ao que para nada lle interesa unha industria estratéxica e de futuro na Comarca, senón, ao contrario, unha industria inestábel laboral e socialmente, dirixida a ser zugada e, finalmente, pechada".
Convidar á reflexión á Dirección da empresa
Así as cousas, o Comité de folga, convida á Dirección da Vidreira do Atlántico, S.A. a que "reflexione, razoe e acepte as propostas da Administración para a redución de custes de produción, respectando os dereitos laborais adquiridos polos traballadores/as ou, en caso contrario, a que tire definitivamente a máscara e diga á sociedade limiá o que, decote, nos di o presidente do grupo BA aos traballadores/as, de imposíbel transcrición nun medio público".
Xuntanza na sede do IGAPE
Por último, informan que o mércores día 25, ás 11:00 horas, manterán unha xuntanza na sede do IGAPE en Santiago do Compostela, coa súa Directora de financiamento: Cristina Quintela, de cara a tratar a terceira cuestión que a Vidreira reclamaba para o futuro da factoría en Xinzo da Limia: o financiamento.