Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

8 DE MARZO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA

23 Feb 2018

En Verín, o 8 de marzo. Concentración na Praza do Concello.

O vindeiro 8 de marzo, mulleres de máis de 57 países de todo o mundo están chamadas a secundar un PARO INTERNACIONAL DE MULLERES , como resposta e denuncia aos ataques sufridos polo mero feito de sermos mulleres.

A convocatoria internacional vai máis aló das discriminacións laborais (diferenzas salariais, o chan pegañento, a precariedade dos traballos feminizados, as discriminacións derivadas do exercizo da maternidade ou por facer uso de permisos relacionados co coidado, excedencias, o acoso) denunciando tamén a dobre ou tripla xornada dentro e fóra do fogar, as agresións sexuais, as agresións machistas e os feminicidios.

A CIG ten rexistrada unha convocatoria de FOLGA DE MULLERES correspondente a un paro de 2 horas en cada unha das quendas de traballo, dando cobertura legal a todas as traballadoras galegas de todos os sectores produtivos e de todos os centros de traballo, garantindo que poidamos participar todas neste día de protesta, reivindicación e mobilización.

Facemos un chamamento a que, nun momento dado do día, as mulleres deixemos o que estamos a facer e PAREMOS para que entendan que non imos permitir máis ataques aos nosos dereitos. Visibilizaremos o traballo achegado polas mulleres nun día normal para o seu recoñecemento.

HORARIOS DOS PAROS:

PAROS POR QUENDAS DE TRABALLO

 de 00h-02h da madrugada

de 12h a 14h

de 19:30h a 21:30h

MOBILIZACIÓNS

Amosaremos a nosa forza nas máis de 34 mobilizacións convocadas en varias cidades e vilas do país, facéndoas coincidir co horario dos paros, e onde non sexa posíbel desprazarse, diante das portas dos centros de traballo (Adxuntamos información no cartaz adxunto).

Así mesmo, a CIG fai un chamamento a participar activamente na MANIFESTACIÓN NACIONAL que percorrerá as rúas de Vigo o vindeiro 4 de marzo, saíndo ás 12 horas de Vía Norte esq. Urzáiz, convocada polaAsemblea Galegas8M, da que a CIG forma parte. Para facilitar o desprazamento a Vigo desde varios puntos do país sairán buses organizados por distintos colectivos. Podedes anotarvos na ligazón que aparece na páxina https://galegas8m.wordpress.com/transporte-a-vigo ou directamente nos locais da CIG de Ferrol, Compostela, A Coruña e A Mariña antes do día 28 de febreiro.

A CIG chama tamén a participar nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista galego en varias cidades e vilas do país durante o paro da tarde do día 8.

A CIG conmemorou o 8 de marzo sempre. Este ano hai que ir máis aló da reivindicación histórica, levando á práctica unha proposta revolucionaria, froito dunha reflexión colectiva en torno a debates que se están a dar no feminismo a nível internacional. Por vez primeira na historia, o papel dos homes no sindicato vai ser secundario, na retagarda, de acompañamento, de solidariedade coas reivindicacións e denuncias das mulleres, e o das mulleres, protagonista, simbolizando a loita histórica que deu orixe ao 8 de marzo.

Somos conscientes de que non imos parar o país, de que non imos poder levar a cabo a meirande parte das ferramentas que usamos nas folgas, de que os piquetes informativos non van ser os habituais, mais debemos ter en conta que esta folga debe ser unha chamada de atención, un berro colectivo das mulleres galegas e de moitas outras mulleres do mundo,  facendo uso do instrumento de loita máis importante que ten a clase obreira, xa que as mulleres imos PARAR no noso centro de traballo, imos suspender todo tipo de actividade abandonando onde esteamos producindo para esixir: ABONDA XA DE DISCRIMINACIÓNS E DE VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES! ABONDA XA DE REIVINDICACIÓNS HIPÓCRITAS OS 8 DE MARZO! NON IMOS PARAR ATÉ QUE POIDAMOS EXERCER OS NOSOS DEREITOS!

FACEMOS UN CHAMAMENTO A QUE TODAS AS MULLERES, DESEMPREGADAS, ESTUDANTES, XUBILADAS, ASALARIADAS (SEXAN FUNCIONARIAS, FIXAS, EVENTUAIS...) INTENSIFIQUEN O ESFORZO DIVULGATIVO PARA CONSEGUIR QUE TODAS PAREMOS E QUE TODAS PARTICIPEMOS NAS MOBILIZACIÓNS CONVOCADAS PARA O 8 DE MARZO.

Imos compartir entre todas as imaxes da xornada, penduralas nas redes sociais, entre as amizades, colectivamente na web, facebook e twitter da CIG, para que toda Galiza sexa coñecedora de que as galegas estamos en folga, denunciando as discriminacións, a hipocrisía de quen nos goberna, que felicita ás mulleres no seu día, mentres nega a existencia da fenda salarial e mesmo a responsabilidade do goberno de actuar contra os empresarios que discriminan. Imos saír ás portas dos centros de traballo coas nosas pegatinas, con cartaces e con faixas que amosen que estamos en folga. Os nosos compañeiros quedarán nas fábricas, nos centros de traballo, aplaudindo a nosa acción, cos colantes da CIG que poñan “eu apoio a folga das mulleres”.

Denunciemos neste 8 de marzo que queda moito por facer pola igualdade e por visualizar a contribución de todas as mulleres ao mundo. Paramos porque non podemos seguir aturando tanta discriminación e violencia. Porque hai que concienciar do traballo que fan as mulleres. Que o noso papel na sociedade non é subsidiario. Que somos a metade de Galiza, a metade do mundo. Imos demostrar que o mundo non xira igual se paramos as mulleres. Sóbrannos razóns para ir á folga.

Volver