Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
Luís Bazal. Tenente de Artilharia
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A CIG DE VERIN E A LIMIA PUBLICA A HISTORIA E FOTO (INÉDITA) DO COMBATENTE ANTIFRANQUISTA VERINÉS, LUIS BAZAL

13 Abr 2015

Historia de Vida. Luís Bazal, mestre anarquista verinés, alistado no exército da República ao servizo da liberdade

Por Alberte Lorente:

Luís Bazal Rodríguez, filho dun médico verinés, nacido accidentalmente en Cerecinos do Campo, na provincia de Zamora, lugar onde o seu pai exercía a súa profesión como titular.

Tras a morte do pai a familia torna a Verín, onde viven numha casa familiar preto do Támega, estudando na academia Verinesa propiedade de Ramón Taboada.

Luís Bazal e a súa irmá Graza faríanse mestres, exercendo primeiro na academia Herrón, que propiciaba os paseos pedagóxicos, como método de ensino, e máis tarde montando a súa propia academia  baixo o nome de Academia Moderna, onde impartían clases de bacharelato e maxisterio.

En 1933 Luís Bazal ingresa no corpo de mestres, obtendo o seu primeiro destino na escola de Correchouso, en Laza.

Logo dos os sucesos de outubro do 1934, Bazal visita aos presos de Verín e sérvelhes de correo. Posto ao descuberto é xulgado polas autoridades e condenado a pena de dous meses de cárcere (foi acusado de falso testemunho)

En 1935 é destinado como mestre, con praza en propriedade, a San Mamede de Palmés, onde compaxina a docencia coa súa militancia na Asociación de Trabalhadores do Ensino d'Ourense.

Desde os primeiros momentos do golpe militar de 1936 Bazal organiza un grupo de resistencia armada aos sublevados, combaténdoos en defensa da legalidade republicana, pero axinha fica ilhado e sen municións co seu grupo, tendo que fuxir polos montes. Esta fuxida desesperada lévao, dende Palmés, en companhía Palmira, a súa mulher, deica fronteira portuguesa, previa estadía en Verín. No país vecinho é detido polas autoridades e confinado no castelo de San Neutel  na cidade de Chaves. Bazal é reclamado desde Verín e Ourense polos sublevados.

Felizmente para el, o goberno portugués decide repatriar á zona republicana un continxente importante de prisioneiros e refuxiados espanhois. Embarcado a bordo do Nyassa fai a travesía Lisboa- Tarragona onde se reintegra á Espanha republicana.

Nada máis chegar ao Levante, inscríbese nas escolas de guerra, obtendo o titulo de tenente de artilharía; xa como tal incorpórase ao exército republicano e combate en Teruel e no Segre, participando máis tarde na Batalha do Ebro.

Tras perder a guerra, A unidade de Luís Bazal pasa a fronteira polo posto de Perthus, o 9 de febreiro de 1939, neste punto, canso e entristecido pola derrota, coa certeza de que xa nunca volverá ver á súa mulher e as súas filhas, e que se atopa condenado a estar lonxe de Galiza, Bazal tenta suicidarse coa súa pistola, pero os propios companheiros impídeno, dicíndolhe que el non pode matarse, que a súa misión é vivir para contar o que viviu. 

Conhece os campos de concentración de Argeles Sur Mer , e de Brams (Franza), alí sorpréndeo a II Guerra Mundial e a invasión alemá do territorio francés. O verinés ofrécese ás autoridades francesas como artilheiro experimentado, mais, os franceses, temendo dar armas aos republicanos espanhois, encádrano en batalhóns de trabalhadores e fortificación, levándoo á linha Magginot.

Logrará escapar da aniquilación do seu batalhón e regresar ao sul da Franza, preto de Toulouse onde se integra na Resistencia do maquisard. Alí será apresado, torturado por Gestapo e enviado caminho de Mathaussen, onde será seleccionado polo propio Alber Speer, ministro de armamento de Adolf Hitler, que o empregou dentro da  súa política de: "Máis trabalhadores pro Reich"; acabando como trabalhador escravo numha fábrica de armamento en Karlsruhe, onde practicará sabotaxes na medida das  súas posibilidades.

Tras a liberación, Bazal volta a Toulouse, onde atopa a algún dos seus antigos companheiros de armas, agora tornados en heroes nacionais despois de liberar a rexión do Mediodia francés.

Por medio de correspondencia ponse en contacto coa súa mulher Palmira e as súas filhas, a quen chegou a ter a certeza de non volver ver nunca máis . Despois de dous intentos errados, acaba reuníndose con ela en Toulouse.

No exilio Bazal publica artigos e poemarios así como tres entregas das súas memorias e ganha a vida como profesor.

En 1977 Bazal e a súa familia volven ao Estado Espanhol instalándose en Roses (Xirona)  onde Luís Bazal morrería en 1990 .

Luís Bazal Rodriguez foi un mestre que pertenceu a esa xeración de homes emancipados. Era pedagogo e poeta, mais olhouse na obriga de afrontar o momento histórico que lhe toco vivir, sufriu persecución e encarceramento, tivo que afrontar a morte dos seus amigos e conhecidos, fuxir para salvar a súa propia vida, combater como artilheiro en Teruel ou no Ebro, cruzar a fronteira francesa como derrotado, sobrevivir aos campos de concentración de Argeles Sur Mer e de Brams, alistarse como soldado afortalador na guerra mundial, ver como os lanza-chamas dos tanques alemáns torraban en Alsacia á gran maioría dos seus companheiros, combater na resistencia, sufrir tortura, ser prisioneiro de novo e escravo, lonxe da súa terra e da súa familia, sentir a soidade, a rabia e o medo. Mais, en Bazal como na maioría dos homes da súa xeración hai un medo engadido a toda esa nómina de medos, o medo a non estar á altura das circunstancias que lhe tocou vivir e este medo insuperábel é o que os tornou, precisamente, en indestructíbeis donos dumha convición inquebrantábel.

Luís Bazal sobreviviu, algumhas veces en contra da súa vontade, umha vontade xa cansa; cansa de tanta dor, de tanta morte, de tanta mágoa. Sobreviviu porque era a súa obriga, posto que a súa só existencia, era denuncia e testemunho da inxustiza que lhe tocou vivir.

Nota: En "Edicións A Nosa Terra" publicouse no ano 2007 o libro, do historiador verinés: Xerado Dasairas Valsa: "Luis Bazal. Memoria e fuga dun mestre anarquista galego", de imprescindíbel lectura para afondar na persoa do combatente verinés.

Viva Galiza Ceibe

Viva a República

Volver