Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

Folga dos traballadores do concello de Vilariño de Conso

21 Xul 2008

Demandan diálogo do goberno municipal

Os traballadores municipais do concello de Vilariño de Conso están tratando de negociar o convenio e fixar criterios obxectivos en materia de contratación, como a Relación de Postos de Traballo, o Convenio Colectivo e as Bases de Contratación de Persoal do concello desde principios de ano.

Luís Ferreiro, secretario da Unión Local da CIG de Verín explica que malia o tempo transcorrido non houbo posibilidades de chegar a acordos e que o alcalde “non só non deu importancia aos asuntos que os traballadores e traballadoras veñen propondo senón que, por riba, na actualidade se dedica a restrinxir e bloquear o exercicio dos seus dereitos”.

Como medida de presión, o pasado venres 11 de xullo xa se mobilizaron convocando un paro de tres horas, entre as 12:00 e as 15:00 horas. O obxectivo deste paro, segundo explican era “facernos oír por quen non entende que é preciso dialogar e negociar para arranxar os problemas”.

Por iso, veñen de convocar unha segunda xornada de paro para o próximo día 24. desta volta durante todo o día, para que o grupo de goberno “tome consciencia da importancia do diálogo e a negociación, tanto porque a lei así o impón, como porque é prioritario para o bo funcionamento da institución”.

Advirten de que se non son escoitados endurecerán as mobilizacións para reclamar os seus dereitos. Mobilizacións que, de se produciren, serán responsabilidade dos representantes do goberno municipal.

Volver