Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

Despedidas dúas traballadoras de Antela Estación de Servizo SL de Xinzo de Limia por presentarse ás eleccións sindicais pola CIG

19 Mai 2008

A empresa promoveu, porén, candidaturas doutras organizacións sindicais

O pasado día 1 de Abril do 2008, a Unión Local da CIG de Verín, promoveu a celebración dun proceso electoral sindical na empresa: “Antela Estación de Servicio, S.L.”, rexistrando preaviso na Delegación Provincial de Ourense da Consellaría de Traballo, baixo o número 32/08/35.

O día 7 de Abril do 2008, o Secretario da Unión Local da CIG de Verín, dirixiu escrito á Empresa: Antela Estación de Servicio SL, comunicándolle a intención da CIG de presentarse ao proceso electoral sindical, preavisado para iniciarse o 5 de Maio do 2008. Asemade, informou á citada patronal que as candidatas da CIG ás eleccións sindicais, ían ser as traballadoras de Antela Estación de Servicio, SL: Olga Rodríguez Gómez e Ana Belén Cuquejo Blanco.

O día 19 de Abril do 2008, o encargado do estabelecimento, entregoulles, a ambas, un escrito de “DESPEDIMENTO”, notificándolles o seguinte, literalmente: “Sirva la presente para comunicarle que a partir del próximo día 4/05/08, dejará de prestar servicios a esta empresa por despido, quedando extinguida a todos los efectos su relación laboral con la empresa”.

O día 21 de Abril do 2008, o mesmo encargado, indicoulles que o motivo do despedimento fora que á empresa lle parecera mal que se afiliaran á CIG, polo que xa non podía confiar nelas.

En días sucesivos, o empresario facilitou, pola contra, a presentación doutro tipo de alternativas sindicais, co obxecto de dar ao proceso electoral, convocado pola CIG, un verniz de legalidade inexistente.

Dun punto de vista xurídico, existe unha relación de causalidade directa entre o coñecemento, por parte da Dirección da empresa, da afiliación sindical das traballadoras á CIG, así como da súa condición de candidatas ao proceso electoral e a extinción contractual operada, con data de efectos do 4 de Maio do 2005, baixo a figura do despedimento. A reacción empresarial, tras obter tal información, foi fulminante e constitúe o nexo entre ambos actos; determinando unha conduta antisindical e atentatoria ao dereito fundamental das traballadoras à liberdade sindical, consagrado no artigo 28 da Constitución. Non semella fortuíto que a data elixida pola empresa para facer efectiva a extinción da relación laboral, fose o día inmediatamente anterior (4/5/08), ao inicio do proceso electoral (5/5/08).

Por outra banda, dende un punto de vista sindical, resulta totalmente impresentábel que tendo esta central formulado Reclamación Previa perante a Mesa Electoral e, mesmo, achegando as probas documentais do despedimento das nosas candidatas, o resto dos sindicatos e os compoñentes da propia Mesa Electoral, nin se deran por aludidos e nin sequera resolveran a reclamación, dando continuación a un proceso electoral viciado, facéndolle, evidentemente, o xogo ao empresario.

Desde a CIG de Verín aseguran que non van tolerar este tipo de actitudes ‘antidemocráticas’ e, ademais, das demandas por despedimento nulo que xa están formuladas ante a xurisdición social, así como a promoción do correspondente procedemento arbitral impugnando as eleccións sindicais, estamos a valorar a interposición dunha demanda en reclamación de tutela dos dereitos de liberdade sindical contra a empresa: ANTELA ESTACIÓN DE SERVICIO, S.L.

A Unión Local da CIG, chama á reflexión a todos os TRABALLADORES E TRABALLADORAS que operan no Polígono Industrial de Xinzo da Limia, preto do que está ubicada a citada Gasolineira, de cara a que valoren a conveniencia ou non de seguera visitando as instalacións e servizos dunha empresa que represalia antisindicalmente aos seus propios operarios e operarias.

Volver