Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

Desconvocada a folga de 15 días na Vidreira do Atlántico, por mor do peche patronal ilegal

06 Xul 2009

Os traballadores/as tomaron esta decisión para evitar posíbeis danos na factoría e contra a saúde do persoal

O domingo 5 de xullo, a quenda das 6:00 horas na Vidreira do Atlántico volvía ao traballo, desconvocando a folga de 15 días iniciada o pasado 26 de xuño. A decisión chegaba logo da decisión da patronal de pechar dúas das tres liñas de produción, sen achegar garantías de que se ía retomar a actividade tras o paro.

Dende a CIG xa se tiña advertido en varias ocasións á dirección que se a resposta á folga consistía nun “pechamento patronal ilegal”, o persoal veríase na obriga de desconvocar a medida de presión para evitar os prexuízo que a actitude da dirección podería causar “ao corazón da fábrica: o forno”.

Neste senso, o responsábel da CIG de Verín e voceiro do Comité de Folga, Anxo García Torres, explica que os procedementos técnicos de BA (multinacional propietaria da planta de Xinzo de A Limia) determinan que non se poden producir alteracións bruscas no forma da fábrica, xa que as estas poderían derivar en riscos para a seguridade dos bens, das instalacións e das persoas. “Sobre este fundamento pactáronse os servizos de seguranza e mantemento de todas as anteriores xornadas de folga, e, non obstante, agora a dirección da empresa mantén, incongruentemente, que o que valía para antes non é válido para agora”, apunta García Torres.

Coa decisión, a empresa obvia o procedemento técnico deseñado por eles mesmos, cuxo obxecto é regular as situacións de absentismo prolongado e imprevisto, como as folgas. “É evidente, pois, que a dirección procurou, coa imposición do pechamento de dúas das tres liñas de produción, xerar unha situación de crise na fábrica e nas relacións laborais, dirixida a frustrar os obxectivos da folga e, mesmo, a avalar accións futuras contra as relacións laborais”, critica o voceiro do Comité de Folga.

Vulneración do dereito á folga

Ante a actitude amosa pola dirección, cualificada polo persoal de “mala fe e contra o dereito á folga”, os traballadores e traballadoras acordaron tamén demandar novamente á empresa polo peche patronal ilegal, así como solicitar o resarcimento dos danos causados ao persoal en folga, obrigados a ter que desconvocar a medida de presión.

“Hai un dado que é incontestábel e que revela o até agora dito. A Dirección empresarial, tan preocupada ela pola actitude dos folguistas e polas perdas da medida de presión, non obstante, co pechamento de dúas liñas de produción impediu de facto o traballo a todos aqueles que podían desexar exercer ese dereito. Cómo é posíbel que se acuse aos folguistas das enormes perdas causadas pola medida de presión e, porén, se impoña un pechamento de dúas liñas de produción que, ademais de violar o dereito de folga, impide tamén o dereito ao traballo?”, pregúntase Anxo García.

A venda da Vidreira por “3 euros”

Para os traballadores e traballadoras, a reunión mantida o pasado 1 de xullo, a instancias do Consello Galego de Relacións Laborais, para tentar desbloquear o conflito, non fixo máis que confirmar as intencións do Grupo BA, de provocar unha situación de crise que afectase aos medios de produción e que lle permita tomar decisións futuras contra as relacións laborais.

A este respecto dende o Comité de Folga lémbrase que o propio presidente do Grupo BA, tras anunciar na citada reunión en máis dunha ducia de ocasións o inminente peche da empresa de Xinzo, chegou, “no seu ton habitual de falta de respecto e burla continúa ás institucións deste País”, a ofrecer a venda da Vidreira á Xunta de Galiza por un prezo de “3 euros”.

Exemplo de unidade

Así as cousas, os convocantes da folga, acordaron tamén facer reserva expresa do dereito a propor novamente, e no momento que se considere oportuno e axeitado, os obxectivos da convocatoria de folga.

Así mesmo, dende o Comité de Folga quíxose felicitar a todos os traballadores e traballadoras que dende o 26 de xuño estiveron dando exemplo de unidade e dignidade, “que os levará a recuperar o que lles pertence”.

Revogamento de delegados/as

Noutra orde de cousas, o presidente do Comité de Empresa da Vidreira do Atlántico, Plácido Valencia, remitiu un escrito coas copias de 76 sinaturas de traballadores/as da fábrica de Xinzo á Delegación Territorial da Xunta de Galiza en Ourense, solicitando o revogamento dos delegados de persoal de CCOO e CSIF membros do Comité.

Por este motivo, o 13 de xullo ficou convocada unha reunión da representación dos traballadores/as para tratar este asunto, e no seu caso, implementar os trámites axeitados para dar inicio ao proceso de revogamento.

A decisión tomouse a partir da promoción dun referendo o pasado 25 de xuño, convocado por ambos delegados de costas ao conxunto dos traballadores e suplantando as competencias dos representantes legais dos mesmos; a formulación de denuncias falsas contra as persoas que exercen o seu dereito á folga; así como polo desprezo e contravención permanente dos acordos adoptados polo Comité.

Volver