DEMOCRACIA É DECIDIR
DÍA 30/09/17, ÁS 12.00 MANIFESTACIÓN EN COMPOSTELA
O domingo 1 de outubro o pobo catalán está convocado a un referéndum de autodeterminación para decidir democraticamente a súa constitución como Estado independente. Esta convocatoria é o resultado final do longo proceso no que o Estado español sabotou a posibilidade da elevación do teito competencial catalán ao rechazar un Estatut aprobado no Parlament e refrendado maioritariamente no seu día.
A convocatoria do referendum é plenamente conforme á legalidade internacional, á Carta das Nacións Unidas e á lexitimidade democrática: o futuro da nación catalana e da nación galega só poden decidilo cadaseu pobo. O dereito a decidir non é unha concesión do estado español, nin o seu exercicio está sometido ás decisións de ningún goberno ou tribunal.
O Goberno español, coa artillaría mediática, institucional, xudicial e policial ao seu servizo, opina que a unidade estatal española é "indivisíbel" e está por riba da vontade democrática das persoas e os pobos. Deste xeito, por medio da represión e a violencia, pretende imposibilitar o dereito do pobo catalán a decidir libremente o seu futuro. A oferta española consiste apenas en medo e represión.
Ante esta situación, que demostra a natureza antidemocrática e irreformábel do actual rexime español, chamamos ao pobo galego a sair para a rúa para mostrar a solidariedade co proceso independentista catalán. O éxito do pobo catalán na súa loita tamén nos afecta a nós e ás nosas condicións de vida, aos nosos dereitos e liberdades democráticas, individuais e colectivas, e ao dereito inalienábel do pobo galego a decidir libremente o seu futuro, para que peidamos vivir con dignidade en pé de igualdade con todos os pobos e nacións do mundo.
Por Catalunya, por Galiza e pola democracia, o sábado 30 de setembro, acude á manifestación.

