Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA CIG DIANTE DAS ELECCIÓNS AO PARLAMENTO ESPAÑOL

10 Dec 2015

A Comisión Executiva Confederal da CIG conmina aos traballadores/as a exercer como galegos e galegas

Desde que estourou o forte da crise económica, a inicios do 2008, até a actualidade, temos asistido a un conxunto de políticas económicas, sociais e laborais, promovidas desde instancias europeas (CE, BCE, FMI) e executadas polo Goberno español e a Xunta de Galiza, que supuxeron un importante retroceso na calidade de vida, nos dereitos laborais e sociais e mesmo nas liberdades públicas, para a maioría da sociedade. No caso da nación galega, esta situación veu acompañada de novos recortes na nosa capacidade produtiva (naval, pesca, leite, enerxía eólica...), na perda do noso sector financeiro, no retroceso na cobertura e na calidade asistencial dos nosos servizos públicos, no recorte en políticas de igualdade, no agudizamento do fenómeno da emigración, na caída dos salarios e o incremento da precariedade laboral, na perda de poboación e no seu avellentamento, etc.

Toda esta situación, que tan negativamente nos afecta como clase traballadora, ten culpábeis. Por unha banda, un modelo económico, o capitalismo neoliberal, profundamente inxusto e antidemocrático, que fomenta a sobreexplotación da clase traballadora, as desigualdades sociais e a acumulación de riqueza e poder nunha minoría, a oligarquía financeira (os donos das grandes empresas e dos grandes bancos). Por outra banda, unhas institucións políticas e financeiras (CE, BCE, FMI,..) e unhas forzas políticas (PP, PSOE, CIUDADANOS, etc.) que gobernan por e para esa oligarquía financeira.

Esta situación pódese mudar, ten solucións e están nas nosas mans. Levamos anos mobilizándonos contra estas políticas tan antiobreiras e antigalegas, mesmo promovendo catro folgas xerais cunha importante participación en Galiza e numerosas mobilizacións nas empresas e nos servizos públicos. Agora debemos darlle continuidade a estes actos de protesta e mobilización coa acción do noso voto, impedindo que aqueles que son responsábeis desta perda de dereitos, de calidade de vida e da ruína de Galiza, podan seguir a gobernarnos, sexa coa careta vella (PP) ou coa nova (CIUDADANOS).

Pero ese cambio de goberno no Estado de pouco nos serviría a Galiza, ás súas clases traballadoras, se non conseguimos que exista, alí no Parlamento español, unha voz, como foi a do nacionalismo galego representado polo BNG nos últimos anos, que sen ataduras a estratexias españolistas, traballe, promova iniciativas e faga uso da palabra as veces que sexa preciso para defender os nosos sectores produtivos, as nosas infraestruturas, o noso medio natural, as nosas e os nosos emigrantes retornados, o dereito á negociación colectiva na nosa terra, a unhas pensións dignas, a un traballo e uns servizos públicos de calidade, a un aborto con garantías e sen restricións, a normalización do noso idioma e o dereito a exercer libremente a nosa soberanía como nación.

É o momento de actuarmos con coherencia e con dignidade. Non podemos deixar de exercer como galegos e como galegas o día 20 de decembro. Temos que votar pola nosa xente, por aquela candidatura galega que sabemos que vai estar connosco na rúa e no Parlamento español cando se trate de defender os nosos dereitos e os nosos intereses como nación galega e como pobo traballador. Depende de nós e só de nós.

Santiago de Compostela, decembro de 2015.

EXECUTIVA CONFEDERAL DA CIG

Volver