Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 

CONVOCADOS CURSOS GRATUITOS PARA OBTER O CELGA

13 Feb 2023

Trátase de cursos Celga para os níveis 2, 3 e 4

A consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades fixo público no DOG do venres 10 de febreiro a resolución do 31 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncia, con carácter voluntario e gratuíto, a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 2, Celga 3 e Celga 4.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, de acordo co que establecen a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia, dispón que o galego é lingua oficial en Galicia. En consonancia con isto, recoñécelle á cidadanía o dereito de coñecelo e de usalo, pero non estaría garantido ese dereito se a cidadanía non tivese a  posibilidade de mellorar o coñecemento e o dominio da lingua propia de Galicia. O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o día 21 de setembro de 2004, contén, entre outras, varias medidas dirixidas ás persoas adultas e ao resto da sociedade encamiñadas a renovar a política lingüística con respecto ao uso do galego, adecuándoa aos tempos actuais, co fin de equilibrar unha situación social de desigualdade entre o castelán e o galego, o que exixe medidas favorables a este último para alcanzar ese equilibrio. O Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, atribúelle a esta as competencias e funcións en materia de promoción e ensino da lingua galega, así como a dirección, planificación, coordinación e execución da política lingüística da Xunta de Galicia. Dentro da estrutura da consellería, consonte o disposto no devandito decreto, é a Secretaría Xeral de Política Lingüística o órgano encargado de executar aquelas accións necesarias para desenvolver as competencias sobre política lingüística atribuídas á consellería. En particular, de acordo co artigo 9.1.i) do citado decreto, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ten atribuída a competencia para convocar e administrar as probas  e expedir os certificados de coñecemento do galego.

Por isto, resolveron convocar, con carácter gratuíto, cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega (Celga), niveis 2, 3 e 4, que se indican nos anexos I (cursos presenciais) e II (cursos en liña).

Persoas destinatarias

1. Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega (Celga) poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen mellorar o seu coñecemento e dominio do galego e preparar as probas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca periodicamente  para certificar a competencia nesta lingua.
2. Para conseguir o rendemento axeitado e o aproveitamento dos cursos hai que procurar a homoxeneidade dos coñecementos do alumnado. Polo tanto, ao solicitar o curso dun determinado nivel Celga, a persoa interesada deberá ter en conta a definición de contidos correspondente a ese nivel prevista na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 146, do 30 de xullo (corrección de erros no DOG núm. 178, do 13 de setembro).

Solicitudes e prazo de inscrición

1. As persoas que desexen participar nestes cursos deberán acceder ao enderezo electrónico https://formacion-lingua.xunta.gal, seleccionar o curso que desexen e cubrir a solicitude de inscrición. Non serán admisibles outras formas de presentación das solicitudes. As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na Secretaría Xeral de
Política Lingüística unha vez que se complete correctamente o proceso de inscrición.

2. Cada persoa só poderá inscribirse nun único curso. Do contrario, quedará automaticamente excluída do proceso de selección. A falsidade ou a ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes tamén dará lugar á exclusión automática, así como a presentación de solicitudes fóra de prazo.

3. As persoas solicitantes dun curso en liña, deberán dispoñer dun equipamento informático que cumpra, como mínimo, os seguintes requisitos técnicos:

– Un ordenador con conexión á internet (de banda larga).

– Un navegador web (recoméndase ter instalada a última versión de Firefox).

– Acceso á conta de correo electrónico especificada na solicitude de inscrición

– Un micrófono ou calquera medio alternativo que permita a gravación de voz en formato electrónico (mp3 ou equivalente).

4. No caso daquelas persoas con necesidades educativas especiais que precisen apoio para realizar un curso presencial, indicarán na súa solicitude de inscrición o apoio concreto que necesitan, cuxa concesión será valorada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

5. O prazo de presentación das solicitudes de inscrición será de 15 días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

SE QUERES OLLAR A RESOLUCIÓN ABRE O PDF QUE ESTÁ DEBAIXO DA FOTOGRAFÍA

 

Volver