CONVOCADAS PROBAS PARA OBTER OS CELGAS
Realizaranse en Santiago de Compostela e Ponferrada
O DOG fai pública o luns 6 de marzo a resolución do 28 de febreiro de 2023, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2023 (código de procedemento PL500C).
O Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (DOG núm. 126, do 4 de xullo), atribúelle a esta as competencias e funcións en materia de promoción e ensino da lingua galega, así como a dirección, planificación, coordinación e execución da política lingüística da Xunta de Galicia. Dentro da estrutura da consellería, consonte o disposto no devandito decreto, é a Secretaría Xeral de Política Lingüística o órgano encargado de executar aquelas accións necesarias para desenvolver as competencias sobre política lingüística atribuídas á consellería. En particular, de acordo co artigo 9.1.i) do citado decreto, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ten atribuída a competencia para convocar e administrar as probas e expedir os certificados de coñecemento do galego.
Así mesmo, o artigo 7 da Orde do 16 de xullo de 2007, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga) (DOG núm. 146, do 30 de xullo), sinala que a Secretaría Xeral de Política Lingüística, logo da proposta da Comisión Central de Avaliación, convocará as probas para a obtención dos citados certificados de coñecemento da lingua galega por medio dunha resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia.
Co fin de afondar na maior seguridade e control da execución do proceso e na racionalización dos recursos públicos, as probas realizaranse, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, en Santiago de Compostela e, fóra deste, en Ponferrada, polo especial vínculo que existe coa zona do Bierzo.