Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

CONCELLO DE VERÍN: ANULADA POLO TSXG A RPT 1/2017

22 Xun 2022

Non tivo en conta a reclamación da CIG Verín e agora son os tribunais quen novamente lle dan a razón

O día 29 de agosto do 2017 foi celebrada a Mesa Xeral de Negociación do concello de Verín, coa seguinte orde do día:

1.- Aprobación da acta da mesa xeral de data 12/06/2017
2.- Aprobación da modificación 01/2017 da RPT do Concello de Verín.
3.- Aprobación do capítulo 1 do orzamento municipal para 2017”.

O grupo de goberno non permitiu, como sempre fai a negociación coa CIG da súa proposta de modificación 1/2017 da RPT municipal, impondo a criación dos seguintes postos de traballo de alto nível:

- Técnica/o Informático
- Técnica/o de Recursos Humáns
- Técnica/o de Administración Financieira
- Enxeñeira/o Industrial

O día 27 de abril do 2018 o Pleno do Concello de Verín, acordou desestimar a reclamación interposta pola CIG o día 18/12/17 e aprobar definitivamente a modificación nº 1/2017 da RPT municipal.
Malia estar pendente de ser resolver o recurso contencioso administrativo, interposto pola CIG contra a modificación nº 1/2017 da RPT, o Concello de Verín fixo pública a seguinte oferta de emprego para o ano 2019:

1 Técnica/o Informático (A2)
1 Técnica/o de RR HH (A1)
1 Arquitecta/o Técnico (A2)
1 Técnica/o de Xestión Económica (A1)

En data 2 de decembro do 2019 o Xulgado do CA núm. 2 d’Ourense ditou a sentenza, a estimar a demanda interposta pola CIG contra a modificación 1/2017 da RPT e a declarar nula tal modificación por violación do dereito á negociación coletiva e á liberdade sindical da CIG. O Grupo de Goberno do concello de Verín presentou recurso de apelación contra a Sentenza do Xulgado do CA núm. 2 d’Ourense perante a Sala do CA do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. En data 10 de febreiro do 2021 o Xulgado do CA núm. 1 de Ourense ditou sentenza, estimando outra demanda da CIG contra a Oferta de Emprego do 2019, por derivar da modificación 1/2017 da RPT do Concello de Verín que fora anulada polo Xulgado CA núm. 2 d’Ourense.
O pasado día 15 de xuño do 2022 a Sala do CA do TSXG, dando por terceira vez a razón á CIG, confirmou a sentenza do Xulgado CA núm. 2 de Ourense pola que fora anulada a modificación 1/2017 da RPT e, portanto, desestimou o recurso de apelación formulado polo concello de Verín.
En resumo, un novo “éxito” na xestión da política de persoal do grupo de Goberno do concello de Verín que, no canto de negociar cos representantes dos traballadores/as e facer da igualdade o principio reitor das negociación, impón condicións laborais e de traballo que, finalmente, os Tribunais anulan por ilegais. Contodo, ao grupo de goberno municipal o que digan os tribunais tanto lle ten, porque ao final pagan os cidadáns e cidadás a súa nefasta xestión. Evidentemente, os postos de “alto nivel” que pretendeu contratar o señor Alcalde de Verín coa modificación da RPT 1/2017 van ter que agardar a mellor ocasión. Finalmente, adiantamos que, en poucas semanas, ollaremos como mais  de 40 traballadores e traballadoras do concello de Verín adquiren a condición de fixos por sentenza xudicial; mais disto falaremos cando o teñamos confirmado.

Volver