Comezan as protestas contra o sistema de gardas unificadas no servizo de Radioloxía nos hospitais de Monforte, O Barco e Verín
O vindeiro 13 de maio, ás 20:00 horas, está convocada unha manifestación en Monforte en defensa da sanidade pública
As xerencias dos centros de O Barco, Verín e Monforte reuníronse cos radiólogos que traballan nestes centros e comunicáronlles que, a partir do mes de xuño, as gardas deste servizo serán realizadas en presenza física e de xeito rotatorio entre os tres centros, facendo telematicamente (por internet) o informe das probas realizadas. Isto implica que só haberá un radiólogo de garda para os tres centros mencionados, e polo tanto, as probas urxentes que requiran a presenza do especialista, cando se soliciten nun centro onde non lle toque ese día a garda, serán desprazadas ao centro de referencia, co enorme trastorno que isto ocasionaría ao/á doente.
Ademais, esta medida diminuirá moito a calidade da atención prestada, posto que a presenza do especialista na realización das probas é fundamental. E caberá tamén a posibilidade de que se soliciten moitas veces TAC (proba que implica radiación e é máis cara) para casos nos que unha ecografía sería suficiente.
Este novo ataque á sanidade pública podería significar un dos primeiros pasos para a modificación do actual mapa sanitario (nesa dirección vai o novo decreto que a Consellaría está a argallar e contra o que a CIG-Saúde xa presentou alegacións), e a consecuente supresión das áreas sanitarias de Monforte, A Mariña, Valdeorras e O Salnés, que pasarían a estar integradas nas súas zonas de referencia.
Manifestación en Monforte e O Barco
Seguindo as mobilizacións levadas a cabo en diversos puntos do País contra as agresións do goberno do PP ao sistema público de saúde, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte ten convocada unha manifestación o vindeiro 13 de maio, ás 20:00 horas, dende a Praza da Estación a da Compañía.
Pola súa banca, a Plataforma de O Barco baralla convocar tamén unha manifestación para o vindeiro 3 de xuño en contra da centralización dos servizos de radioloxía. Así mesmo, acábase de constituír a Plataforma en defensa da sanidade pública en Verín.
Máis información na web da CIG-Saúde.