Axentes da Policía Local de Verín reclaman a negociación do convenio colectivo e a apertura dun diálogo real co alcalde
Acompañados por delegados/as da CIG, trasladaron as súas reivindicacións até as portas da Deputación de Ourense
Dende o colectivo da Policía Local denúnciase que dende o 2007 o persoal funcionario e o persoal laboral de Verín está sen convenio colectivo, mentres que o alcalde do Concello continúa coa súa política do “mando e ordeno”, negándose a abrir unha vía de diálogo real entre a administración e as organizacións sindicais. Esta situación agrávase no caso dos axentes municipais, pois ademais de non cobrar as horas extraordinarias, aínda non se lles ten aplicado os principios recollidos na Lei de Coordinación da Policía Local (en vixencia dende hai case tres anos) e que suporía a súa reclasificación profesional.
Nestes dous últimos anos os traballadores/as laborais e funcionarios do Concello de Verín, así como a CIG, veñen sistematicamente reclamando ao Alcalde da institución local a apertura dun proceso de negociación colectiva real e serio que propicie a normalización das relacións laborais no ente local. Neste tempo, denuncia o responsábel da CIG de Verín, Anxo García Torres, o rexedor "nin deu sinais dun comportamento democrático nin atendeu as demandas formuladas polos traballadores e traballadoras municipais".