Anuladas as eleccións sindicais na empresa Antela Estación de Servizo, SL
Por vulneración da liberdade sindical das despedidas e da CIG
A CIG reclamara a anulación do proceso, ao ter a patronal despedio a dúas das candidatas, Olga Rodríguez Gómez e Ana Belén Cuquejo Blanco, polo feito de afiliarse ao sindicato e comunicar a súa intención de presentarse como elixíbeis ao proceso electoral.
Tras coñecer a decisión arbitral, a Unión Local da CIG de Verín manifesta, por unha banda, a súa satisfacción por acadar a restauración da legalidade nun proceso electoral viciado pola intervención da empresa e, pola outra, salienta o seu rexeitamento diante da actuación “insolidaria, partidista e, mesmo, antisindical das centrais sindicais CCOO e UGT que, coñecendo detalladamente as circunstancias e os vicios do proceso electoral, preferiron facerlle o xogo ao empresario, a cambio de obter un delegado de Persoal, no canto de situarse ao pé das súas compañeiras represaliadas e cuxos direitos fundamentais tiñan sido vulnerados”.
Ao tempo, anuncia a súa intención de darlle continuidade aos procesos xudiciais abertos, para que, ademais da anulación das Eleccións Sindicais, o próximo mes de xuño, os tribunais sociais de Ourense, declaren a nulidade dos despedimentos de ambas as dúas candidatas e obriguen a un empresario que viola a liberdade sindical, a readmitilas nos seus postos de traballo.