Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

FOLGA EN VERÍN CONVOCADA POLA PLATAFORMA GALEGA NA DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO

09 Mar 2017

Remataron cun acto na Praza do concello.

Unha vez máis é necesario que nos mobilicemos en defensa do ensino público galego, reclamando a derrogación plena da LOMCE e unha lei galega de educación ante a posibilidade de que se elabore un pacto entre as forzas políticas estatais que prexudique gravemente a situación do noso ensino. Este pacto mantería os principios fundamentais da LOMCE e o que é peor, blindaríaos para os vindeiros anos.

Ante o éxito da xornada de folga do 16 de febreiro temos que volver saír á rúa desde unha óptica centrada no país e na súa realidade educativa. En Galiza non sufrimos os recortes do mesmo xeito que no resto do Estado e o noso ensino ten necesidades específicas pola nosa realidade diferenciada. Por iso é fundamental a participación masiva na folga que a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público acordou convocar para o día 9 de marzo en todos os niveis educativos do ensino de Galiza, mantendo as nosas reivindicacións e accións propias que dan continuidade ás que xa vimos realizando, concretadas en manifestacións en diferentes localidades ás 11.30 horas.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está comprometida en continuar na loita contra a LOMCE até a súa derrogación definitiva e en paralizar os recortes que están desmantelando o ensino público.

Grazas ás permanentes e importantes mobilizacións e folgas que levamos a cabo, fomos capaces de paralizar a aplicación das reválidas en 6º de Primaria, 4º de ESO e 2º de Bacharelato. Mais temos presente que a LOMCE segue vixente e as reválidas adiadas, non derrogadas, até coñecer o resultado do “pacto pola educación”.

O PP continúa obstinado na súa aplicación, malia o rexeitamento maioritario e a decisión do Congreso dos Deputados de paralizala. Consideramos, por tanto, que é necesario seguir na loita como única maneira de conseguir a derrogación definitiva da LOMCE, a desaparición das reválidas, a paralización dos recortes no ensino público, a restitución de todos os dereitos que lle foron arrebatados ao profesorado e a mellora do ensino público.

Temos razóns mais que sobradas para denunciar o engano e a farsa que supón o punto de arranque do chamado “pacto pola educación” proposto polo PP, cuxo obxectivo non é outro que consolidar os principios e fundamentos da LOMCE, revestidos agora da auréola do “pacto pola educación”.

O punto de partida, a concepción do mesmo, o procedemento e os obxectivos que persegue procuran un modelo educativo neoliberal, confesional, cada vez máis españolizado e profundamente mercantilizado, no que a relixión seguirá sendo materia curricular. A privatización continuará mediante os concertos en todos os ámbitos educativos e o ensino será cada vez máis elitista e segregador. Hai que desenmascarar todo esta armazón propagandística que o único que pretende é facer máis presentábel socialmente a aplicación da LOMCE.

Calquera acordo educativo ten que partir, como mínimo, dun amplo debate social e de participación de todas as organizacións e entidades, tanto sociais como políticas, sindicais e educativas.

Volver