Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

Acadados os primeiros acordos entre sindicatos e Concello de Xinzo da Limia, logo de meses de atrancos e esperas

16 Xul 2009

O goberno local comprometeuse a convocar antes do 15 outubro á Mesa Xeral para iniciar a negociación do Convenio Colectivo

Os acordos acadados entre as centrais sindicais CIG, CCOO e CSIF, tanto do ámbito do persoal laboral como do persoal funcionario, e o goberno local son os que seguen:

1º.- Condicións hixiénico sanitarias das instalación da feira de gando: O Concello de Xinzo procederá a arranxar as instalación das brigadas de obras e de xardíns, no aspecto hixiénico sanitario, de tal xeito que o 15 de Setembro do 2009, estean operativos os servizos sanitarios para os traballadores/as das brigadas.

2º.- Vestiario e roupa de traballo: O Concello de Xinzo terá elaborado no mes de setembro do 2009 un catálogo básico de prendas de traballo, por cada traballador/as, a efectos de presentalo no próxima mesa de negociación e, no seu caso, aprobalo, para que todos os empregados/as públicos, saiban as prendas das que dispoñen ao ano e coñezan a quen solicitalas en caso de necesidade.

3º.- Avaliación de Riscos Laborais: O Concello de Xinzo, nun prazo máximo de 3 meses, presentará perante a Mesa Xeral de Negociación un informe-avaliación de riscos de todos os postos de traballo da entidade, que se encargará á Mutua patronal.

4º.- Recoñecemento médico dos traballadores/as: O Concello de Xinzo, no mes de setembro do 2009, facilitará a todos os traballadores/as municipais a posibilidade de pasar o recoñecimento médico anual, nos servizos que se dispoñan para tal fin.

5º.- Imputación do 0,7% (2009) e do 0,7% (2010) nos salarios do persoal laboral: O Concello de Xinzo, con efectos retroactivos ao 1 de xaneiro do 2009 e tras aprobación dos Orzamentos municipais, practicará, nos salarios de todo o persoal laboral, un incremento do 0,7%, en cumprimento do criterio de equiparación e homologación, contido no Convenio Colectivo vixente. Asemade, a partires do 1 de xaneiro do 2010, practicarase, nos salarios de todo o persoal laboral, outro 0,7% para ise período.

6º.- Negociación da RPT, Categorías Profisionais e Acordo Colectivo único para todo o persoal: O Concello de Xinzo, nos 15 primeiros días o mes de outubro do 2009 convocará a Mesa Xeral para dar comezo á negociación do Acordo Colectivo para todo o persoal e da RPT municipal. O Grupo de Goberno xa entregou aos sindicatos a súa proposta de Convenio e RPT, co obxecto de formular unha contraproposta nas datas anteriormente indicadas.

7º.- Xornada e horario dos traballadores/as do Conservatorio: O Concello de Xinzo, con efectos do próximo curso escolar, adaptará os horarios e xornada dos traballadores/as do Conservatorio á circular 13/2004 da Dirección Xeral de Formación Profisional e Ensinos Especiais da Xunta de Galiza. Asemade, para o caso de que o Conservatorio sexa transferido a outra administración pública, comprometeuse, antes de que se pacte nada, a convocar a Mesa Xeral de Negociación para expor e acordar o tema cos traballadores/as afectados/as.

8º.- Adscrición do Persoal da Mancomunidade da Limia ao Concello do Convenio de Xinzo da Limia: O Concello de Xinzo, con efectos retroactivos ao 1 de xaneiro do 2009, encadrará ao persoal que, até o momento se rexía polo Convenio Colectivo da Mancomunidade da Limia, no Convenio Colectivo do Concello de Xinzo da Limia a todos os efectos.

As adscricións das categorías profisionais de orixe e destino realizaranse automaticamente, dacordo coa categoría, grupo e nivel equivalente definidas no Convenio Colectivo do Concello de Xinzo.

Para os traballadores do grupo A, provenientes do Convenio da Mancomunidade da Limia, acordouse un encadramento, mentres non se aprobe a RPT e o Convenio novos, no grupo B do Convenio do Concello de Xinzo, só a efectos salariais, conservando o seu grupo A e recoñecéndolle a categoría de orixe; dado que non se pactaron no Convenio do Concello de Xinzo as condicións dos Grupos A.

9º.- Atrasos derivados do Acordo do 15 de Maio do 2007: O Concello de Xinzo, incluirá no capítulo de persoal dos orzamento para o 2009, unha partida económica destinada ao pagamento das sentenzas pendentes e dos atrasos xerados como consecuencia do Acordo do 15 de Maio. A respeito dos atrasos, o Concello comezará a satisfacer os seus pagamentos, a partires do 1 de outubro do 2009, así como aboará de xeito imediato as sentenzas condenatorias ao pagamento de cantidades.

10º.- Bases Xerais de Contratación do Concello de Xinzo da Limia: As partes pactaron iniciar a negociación das novas bases xerais de contratación do persoal laboral temporal e interino do Concello de Xinzo da Limia, na primeira quincena de outubro deste ano. En todo caso, acordaron que as bases que se poidan pactar deberán conter, como mínimo, as seguintes disposicións:

-Criarase unha Comisión Permanente de Seguimento de procesos selectivos; composta, dacordo cos criterios estabelecidos para composición da Mesa Xeral de Negociación: Sindicatos-Administración.

-A filosofía das Bases de Contratación inspirarase no Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

-As atribucións, mínimas, desta Comisión serán as seguintes:

a) Ser convocada sempre con anterioridade á publicación dunha oferta de emprego.

b)Abrir as convocatorias e definir os prazos de participación nas mesmas.

c) Elaborar os temarios que polos que se terán que rexer os tribunais que se designen.

d) Facer ao Alcalde a proposta de Tribunais para as prazas que se convoquen.

e) Revisar e controlar as decisións dos Tribunais.

f) Emitir ditame sobre as reclamación que se presenten ante ela polos aspirantes a ser contratados.

Volver