ACADADO UN PRINCIPIO DE ACORDO NO CONVENIO DE ECOURENSE UTE
Deberá ser aprobado na Asemblea que se celebrará este mesmo venres
A primeira hora desta tarde, o Comité de Xerencia de ECOURENSE e o Comité de Empresa chegaron a un principio de acordo que será debatido pola Asemblea de traballadores/as para a súa ratificación. De contar co respaldo obreiro, poría fin ao conflito e quedaría desconvocada a folga prevista para comezar o luns 5 de febreiro.
Os piares principais do acordo son:
- Vixencia: catro anos (2016-2017-2018-2019).
- Retribucións:
- 2016 e 2017: Incremento do 1,6% e do 1,1%, aplicado sobre a masa salarial, seguindo os mesmos criterios que actualmente recolle o convenio (200 € lineais por cada punto de IPC). O seu pagamento farase efectivo nunha paga única (540 € lineais).
- 2018: Incremento do 2,72 % aplicado a cada un dos conceptos salariais, coa excepción dos pluses de toxicidade e nocturnidade.
- Pluse de toxicidade: A partires do 1 de xaneiro de 2018, será o resultante de aplicar o 25% sobre o salario base.
- Plus de nocturnidade: A partires do 1 de xaneiro de 2018, será o resultante de aplicar o 35% sobre o salario base.
- 2019: Incremento do IPC real de 2018 sobre todos os conceptos.
-Nocturnidade en vacacións: Cobrarase a nocturnidade na mensualidade correspondente ao mes de vacacións.
-Persoal a tempo parcial (fins de semana): Os contratos que a empresa teña que efectuar par cobertura de baixas e outras necesidades, incluído expresamente a cobertura dos tres meses de vacacións, farase co persoal que actualmente teñan contrato a tempo parcial.
-Outras melloras na xubilación parcial e temas organizativos.
Desde a CIG valoramos positivamente este acordo, e así o defenderemos na asemblea de traballadores do venres, por considerar que, logo de varios anos de estancamento e mesmo de retrocesos, volvemos ao camiño de recuperar conquistas e dereitos.
Recobrar os incrementos en todos e cada un dos conceptos salariais (incluída a antigüidade); desconxelar os pluses de nocturnidade e toxicidade (estancados desde 2012); conseguir un incremento no ano 2016, no que o IPC do ano anterior foi do 0%; e mellorar a calidade de vida e traballo do colectivo máis precarizado da empresa (persoal de fin de semana); representan un claro avance que temos que consolidar en próximas negociacións, converténdose nun punto de inflexión que nos aparte definitivamente da perda de dereitos.
Temos a total seguridade de que se chega a este acordo porque se puxo por riba da mesa unha convocatoria de folga amplamente respaldada polo conxunto do cadro de persoal, alternativa que o noso sindicato xa defendeu no transcorrer do ano 2017.
Quedou demostrado que a unidade obreira e a determinación inequívoca de defender os nosos dereitos e recuperar conquistas perdidas, dan os seus froitos.
Desde a CIG animamos ao resto das empresas e sectores produtivos a loitar sen prexuízos e sen reservas en defensa dunhas mellores condicións de vida e de traballo

