ABRE O PRAZO PARA SOLICITAR PRAZA NAS RESIDENCIAS DE TEMPO LIBRE
Publicouse no DOG do 12 de abril
O mércores 12 de abril publicouse no DOG a orde pola que se convoca o procedemento de adxudicación de estadías e servizos nas residencias de tempo libre adscritas à consellería de Política Social para o ano 2017.
A distribución das prazas será compartida nun 50 % entre a Consellería de Política Social e as centrais sindicais en razón da súa representatividade na Galiza, de acordo cos resultados obtidos nas últimas eleccións sindicais, polo que à CIG correspóndenlle unha serie de prazas (na semana que vén poderemos concretar o número unha vez nolo comuniquen), que poñeremos a disposición da afiliación que así o solicite.
PRAZO: Tedes até o luns 24 de Abril para achegar as solicitudes de praza nas Residencias de Tempo Libre de Panxón-O Carballiño, por medio do correo politicasociais@galizacig.gal
O modelo oficial de solicitude que tedes que enviar ao correo indicado, está recollido no DOG Núm. 72 do Mércores, 12 de abril de 2017. Podedes descargar dito modelo na seguinte ligazón:
https://sede.xunta.gal/doc-invia/rest/anexos/11169
Poderán ser destinatarias todas as persoas maiores de idade ou menores, sempre que vaian en compañía dos seus proxenitores ou das súas proxenitoras ou titores ou titoras legais, e que teñan a súa residencia en territorio español. Igualmente poderán acollerse a esta orde os galegos e as galegas residentes no exterior.
Non se admitirán as solicitudes que inclúan persoas que gozasen dalgunha quenda na mesma residencia nalgún dos dous anos anteriores.
O servizo de residencia consistirá no aloxamento e na mantenza en réxime de pensión completa durante a quenda adxudicada ás persoas beneficiarias.
Poderán gozar do servizo de comedor os e as familiares e persoas con relación de amizade cos ou coas residentes, que veñan visitar as instalacións, segundo as normas para a provisión de prazas que determine a persoa que exerza a dirección de cada residencia, e sen prexuízo da prioridade que se outorgue e se garanta ás persoas aloxadas.
Cada unidade familiar poderá solicitar estadías para unha única residencia de tempo libre e para unha ou varias quendas. Os prezos, tanto para os servizos de residencia como para as persoas non residentes, serán os previstos no Decreto 84/2012, do 16 de febreiro, modificado polo Decreto 65/2016, do 2 de xuño, polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións das residencias de tempo libre.
Tedes aqui as ligazóns:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2012/20120302/AnuncioCA05-270212-12684_es.html
http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160614/AnuncioG0425-030616-0002_gl.pdf
Unha vez que a Consellaría de Política Social reciba as solicitudes que lle remitiremos desde a CIG, as residencias comunicarán ás persoas adxudicatarias a concesión de prazas, indicando o período que lles correspondeu (hai sete quendas de dez días de duración distribuídas entre o 1 de xullo e o 10 de setembro), as datas de iniciación e remate dos servizos, así como o custo, indicando o tipo de habitación ou habitacións designadas.

