A XUNTA ABRE O PRAZO PARA QUE AS FAMILIAS SOLICITEN AS AXUDAS DE COMEDOR ESCOLAR MENTRES ESTEAN SUSPENDIDAS AS CLASES PRESENCIAIS
Poderán facerse solicitudes a partir de mañá e deica o vindeiro día 6 de abril
A partir de mañá e deica o vindeiro día 6 de abril, permanecerá aberto o prazo para solicitar as axudas de carácter directo dirixidas ás familias do alumnado beneficiario de bolsas de comedor escolar cuxo servizo xestiona a consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional, mentres estean suspendidas as clases presenciais.
A consellería de Educación aboará os menús escolares de todos os días lectivos mentres estean suspendidas as clases presenciais a aquelas familias que durante o curso son beneficiarias dunha bolsa de comedor gratuíta (que non pagan nada polo servizo) ou semigratuíta que pagan 1 euro/día, naqueles centros públicos cuxo servizo de comedor está xestionado pola consellería.
A estas axudas poderán acollerse as familias que durante o curso teñen o comedor de balde ou pagan 1 €/día por menú nos comedores escolares xestionados pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.
O DOG publica a solicitude formal, que deberá presentarse de xeito obrigatorio a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Naqueles casos nos que as familias non dispoñan de acceso electrónico, poderán solicitar a colaboración dos equipos directivos dos centros de ensino onde estean escolarizados os seus fillos.
Cada familia presentará unha única solicitude na que incluirá a totalidade dos fillos e fillas (cada un deles debidamente identificado) que sexan comensais gratuítos e semigratuítos de 1 € no comedor escolar xestionado pola Consellería nun centro de ensino público; así como a información da conta bancaria onde realizar o ingreso da compensación.
Segundo os datos da Xunta, a xaneiro do presente curso, o número de beneficiados por esta medida son preto de 45.000 alumnos, a razón de 40.480 usuarios con comedor gratuíto e 3.813 semigratuíto que pagan 1 euro. Así, no caso dos usuarios de comedor gratuítos a Xunta aboaralles 2,5 euros/día, e no caso dos usuarios semigratuítos recibirán 1,5 euros/día durante os 14 días lectivos computados durante a vixencia da declaración da situación de Emerxencia Sanitaria.

