Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A CIG DE VERIN E A LIMIA CONSEGUE QUE O XULGADO APLIQUE O CONVENIO DA XUNTA AO PERSOAL DA SEAGA

12 Xul 2016

Os dereitos e deberes do persoal da SEAGA deberán estar regulados polo Convenio do persoal laboral da Xunta de Galiza

O Xulgado Social nº 3 de Ourense, resolvendo 2 das 4 demandas interpostas pola UL da CIG de Verín e A Limia, en representación de 71 traballadores/as da EP SEAGA, ven de pronunciarse a favor das teses defendidas pola central sindical, no sentido de que os dereitos e deberes do seu persoal, ao carecer de Convenio Colectivo proprio, deben estar regulados polo Convenio do persoal laboral da Xunta de Galiza: así se recolle nos artigos 45 e 46.6 da Lei 16/2010 do Sector Público Autonómico, non respectados nen por parte da Dirección da SEAGA, nen por parte da Consellaría do Medio Rural.

 O artigo 45 da Lei 16/2010, de 17 de Decembro, de organización e funcionamento da Administración Xeral do Sector Público Autonómico, estabelece que as sociedades mercantís públicas autonómicas, como SEAGA, forman parte das denominadas entidades públicas instrumentais da Xunta de Galiza, mentres o artigo 46.6 determina que os instrumentos que regulen as condicións de traballo e réxime retributivo do persoal deste tipo de sociedades deben contemplar, textualmente: "un réxime retributivo semellante ao do resto do persoal laboral da Xunta de Galiza".

 Con tal argumento, o persoal da SEAGA ven de dar un paso importantísimo, tanto na normalización imediata dos seus dereitos e obrigas: retribucións, descansos, vacacións, antigüidades, etc., precarizados intencionadamente pola Consellaría do Medio Rural dende a creación da empresa pública, como na futura negociación colectiva que, agora si, supomos a Dirección da SEAGA estará interesada en emprender, baixo risco de aplicación do Convenio do Persoal Laboral da Xunta de Galiza, de non facelo.

 Dende a CIG temos de felicitar ao persoal da EP SEAGA, por canto, aínda que a aplicación destas resolucións se poida demorar, no caso de que sexan recorridas ao TSXG, constitúen un fito clave dirixido a rescatar da precariedade un servizo público esencial para o rural galego e para os nosos montes.

Evidentemente, a CIG iniciará, nos próximos meses, unha campaña para estender o efecto destas sentenzas a todo o persoal da SEAGA na Galiza (500 operarios/as), así como para reclamar a aplicación do resto dos dereitos contidos no Convenio da Xunta ao Persoal da SEAGA, non só as horas extras e nocturnas que foron o motivo inicial polo que se interpuxeron as demandas.

Volver