Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A MESA DE NEGOCIACIÓN DO CONCELLO DE VERIN ACORDA A RENOVACIÓN DAS NORMAS LABORAIS MUNICIPAIS

10 Xul 2016

Tras 10 anos de desavinzas póñense as bases para a renovación de todas as normas laborais municipais

O pasado 8/7/16, a Mesa Xeral de Negociación do Concello de Verín, tras 10 anos de desavinzas, sentenzas xudiciais e bloqueos da negociación colectiva, aprobou dous acordos colectivos que, de certo, han ser fundamentais pra normalización das relacións laborais na institución local verinesa.

1º) O grupo de goberno, as centrais sindicais: CIG, CCOO e CSIF e os representantes legais dos funcionarios/as municipais, alcanzaron o acordo de tornar o carácter variábel da contía que cobran os membros da policía local de Verín, por traballo nocturno, conferíndolle unha natureza consolidábel, enmarcada no denominado complemento específico. A importancia dista operación radica, non só na consolidación de tal retribución na estrutura salarial dos policías locais, senón tamén no afianzamento do funcionamento do servizo nocturno da policía local na vila verinesa.

2º) Por outra banda, os mesmos actores, subscribiron un 2º pacto, denominado: ACORDO PARA REGULAR A ACTUALIZACIÓN DA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO E A RENOVACIÓN DO CONVENIO COLECTIVO PARA O PERSOAL LABORAL, O ACORDO REGULADOR PARA O PERSOAL FUNCIONARIO E AS BASES DE CONTRATACIÓN DO CONCELLO DE VERÍN.

            Por medio deste convenio, aprobáronse unha bases mínimas, dirixidas a renovar e actualizar tanto a Relación de Postos de Traballo Municipal, como o Convenio Colectivo do Persoal Laboral, como o Acordo Regulador dos Funcionarios, como as Bases Xerais de Contratación do Concello; todos caducados e prorrogados dende o ano 2007, por falta de negociación colectiva.

            Entre as bases aprobadas pactouse:

a) Homologar ao persoal laboral, co persoal funcionario do Concello, reivindicación histórica das centrais sindicais.

b) Distribuír equitativamente os puntos por factor entre as distintas categorías profesionais do persoal funcionario, pra achegar, retributivamente, unhas categorías a outras.

c) Crear unha Comisión de Control da Contratación do persoal no Concello, integrada por funcionarios, grupo de goberno e centrais sindicais e dirixida a facer transparente a contratación, garantindo o principio de igualdade no acceso ao emprego público.

d) Utilizar, como dotación económica, para implementar os anteriores acordos o fondo de continxencia de 120.000 euros disposto polo Grupo de Goberno nos Orzamentos municipais para 2016.

e) Abrir un período, deica fin de 2016, para actualizar e adaptar as normas caducadas: RPT, Convenio, Acordo Regulador, Bases de Contratación, ás bases mínimas aprobadas polas partes na Mesa Xeral.

En conclusión, tras 10 anos de bloqueo da negociación colectiva, vense de pór a primeira pedra para restaurar a  mais que necesaria normalidade laboral no ente local; motivo polo que dende a CIG avaliamos moi positivamente o acordado.

Volver