Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A dirección de Vidrieiria do Atlántico pretende eliminar o plus de actividade sen suprimir a totalidade das horas extras

22 Dec 2008

Os traballadores e traballadoras estudan as mobilizacións a levar a cabo

Os responsábeis de Vidriera do Atlántico propuxeron na xuntanza suprimir ao 100% o Plus de Actividade de todos os traballadores/as, nun período de 3 anos; descontando cada ano un 33% dese plus. Deste xeito, contradeciu as ofertas presentadas con anterioridade. A cambio desa redución, a dirección da empresa ofertou a supresión das 250 horas extraordinarias que os/as empregados/as traballan a maiores da xornada anual, creando a 5ª quenda de produción.

Logo da contraproposta presentada polo Comité no que atinxe a negociar en base ao 50% do plus, a directiva modificou de novo a súa proposta inicial, esixindo, a maiores, a constitución dunha bolsa de horas extraordinarias. “É dicir, tentan suprimir o 100% do plus e, ao mesmo tempo, manter grande parte das horas extraordinarias”, sinalan dende a sección sindical da CIG en Vidrieira.

“A actitude da patronal é absolutamente inflexíbel” apuntan nun comunicado. Por este motivo, o Comité de Empresa decidiu convocar a todos os traballadores e traballadoras da Vidreira a unha Asemblea xeral, a celebrar o luns, 22 de decembro, ás 18:30 na Casa de Cultura de Xinzo de Limia, de cara a analizar as medidas a tomar, no ámbito da mobilización sindical.

Proposta do Comité

Os representantes dos traballadores, pola súa banda, propuxeron a posibilidade de negociar, en base a un máximo do 50%, a absorción do plus de actividade, contra os aumentos salariais dos próximos anos, coas seguintes condicións:

1.-A absorción do 50% do plus, tería de facerse nun período de 5 anos, para minimizar o impacto da mesma no salario mensual dos traballadores/as.

2.- A absorción do 50% do plus, unha vez practicados os incrementos salariais anuais, en ningún caso podería dar un resultado negativo nas nóminas dos/as traballadores/as.Isto suporía que os/as traballadores/as non poderían cobrar menos do que cobran na actualidade, nos anos sucesivos até que se producise a absorción total do plus.

3.- Os 125.000 euros que aforraría a empresa con esta operación, terían que ser destinados á contratación de traballadores/as para reforzar a 5ª quenda de produción.

4.- Os/as traballadores/as deixarían de botar 250 horas extras ao ano, sen esixir as compensacións económicas adebedadas por este concepto nos últimos sete anos.

Volver