Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A dirección da Vidreira do Atlántico comeza a recoñecer as categorías profesionais

13 Xul 2009

Dende a CIG laméntase que a empresa entenda como un “outorgamento” o recoñecemento dos dereitos laborais

As protestas dos traballadores e traballadoras da Vidreira do Atlántico teñen comezado a dar os primeiros resultados. A dirección anunciou a pasada semana o “outorgamento” de categorías profesionais a varios operarios/as, así como o anuncio de adaptación do resto do persoal.

Dende a CIG de Verín lamentaron que a decisión chegase logo de máis de seis meses de conflito na empresa e “como consecuencia da necesidade de deter as demandas e mobilizacións dos traballadores/as”. A este respecto, destacan que a medida vén favorecer primeiro aos traballadores e traballadoras que estiveron en folga, polo que dende a central ironizaron a respecto asegurando que “pensamos, seriamente, dende a CIG estudar, na próxima asemblea, a convocatoria de mais mobilizacións, porque agora comprendemos, que estiveron esperando ao seu fin para premiarnos”.

Extensión das retribucións voluntarias

Anxo García Torres, responsábel da CIG de Verín e voceiro do Comité de Folga, advertiu á dirección do Grupo BA que esta medida non ha ser abondo “se non se complementa en breve con outros outorgamentos semellantes para os demais colectivos de traballadores/as”, como os da zona fría, electricistas, mecánicos, carretilleiros, fornos, ETTs, etc.

Neste senso, criticou que a empresa tamén “esquecera” a extensión das retribucións voluntarias e dos pluses de responsabilidade a todo o persoal, así como que os axudantes de maquinistas deben contar coa mesma categoría e pluses que os maquinistas, posto que desenvolven o mesmo traballo.

“Con independencia de que estudemos a fondo a corrección do chamado, por eles, “outorgamento” e, por nós, “recoñecemento” de categorías; expresámoslles a nosa felicitación, por comezar a dar cumprimento aos obxectivos marcados nas mobilizacións dos traballadores/as. O que hai unhas semanas, para BA, era imposíbel, posto que non asumían a incorrección das categorías, agora por arte de “maxia” resulta que tornou nun “outorgamento”, afirmou o voceiro do Comité de Folga.

A quinta quenda

Tras este primeiro paso, e unha vez concluído o proceso de recoñecemento de categorías, e, substanciadas as demandas sobre a mesma materia interpostas polo Comité e CIG, agárdase que a dirección comece o proceso de implantación da quinta quenda de produción.

Neste punto García Torres sinala que “a dirección da BA óllase na obriga de mudar as categorías igual e, no tema da 5ª quenda, acabará implantándoa o mesmo. Trátase unicamente de demostrar que as categorías e a 5ª quenda non se conseguiron pola presión dos traballadores, senon por “outorgamento” da empresa”.

Impugnación da sentenza sobre o conflito colectivo

De igual xeito, a CIG vén de interpor recurso fronte á sentenza a sentenza de conflito colectivo, publicada días atrás “por efecto dunha errada decisión do xuíz sobre o plus de actividade”. Por este motivo, sinalan que non se pode dar por rematado o conflito laboral aberta no mes de decembro, a non ser que a empresa sente a negociar as demandas dos traballadores/as.

Volver