Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A dirección da Vidreira do Atlántico “advirte” aos traballadores/as que tomará medidas se participan en novas protestas

30 Out 2009

Logo da desconvocatoria da folga prevista para este venres 30 de outubro

A folga que tiñan previsto levar a cabo os traballadores e as traballadoras da Vidreira do Atlántico, que coincidía tamén coa celebración do xuízo contra a empresa polo despedimento de dous operarios, ficou finalmente desconvocada ao impor a dirección unilateralmente os servizos de seguranza e mantemento e negarse a negociar os motivos da protesta.

Non obstante, e a pesar de ter cuestionado a convocatoria do paro, a empresa remitiu un escrito ao Comité no que advirte de que tomará medidas contra os traballadores e traballadoras que participen no desenvolvemento de novas mobilizacións, en particular se estas coinciden coa celebración da nova data do xuízo polo despedimento de dous compañeiros.

Diante desta nova mostra de autoritarismo e falta de vontade negociadora co obxectivo de restrinxir o dereito a folga e violar a liberdade sindical, o persoal e a CIG responden co exercicio dos seus dereitos e convocan unha concentración diante dos Xulgados de Ourense o vindeiro día 13 de novembro e unha nova protesta en decembro diante da sede do Grupo BA en León.

Así mesmo, dende a CIG de Verín informouse á dirección da empresa da presentación dunha denuncia penal contra o responsábel da factoría por considerar que a comunicación de advertencia remitido ao Comité pode constituír infracción penal de violación dos dereitos dos traballadores/as, de ameazas e coaccións. Así como se iniciarán as accións xudiciais correspondentes contra a Vidreira do Atlántico por tentar restrinxir o dereito de folga e liberdade sindical dos traballadores/as.

“A realidade de todo isto é que a Dirección da empresa, non soporta que os traballadores/as e a CIG exerzamos os nosos dereitos en liberdade e procura restrinxilos por todos os medios” sinala Anxo García Torres, responsábel da CIG de Verín. Como exemplos lembra que “en primeiro lugar, eliminouse o Plus de actividade e modificouse a xornada baixo a técnica do defraudamento de lei. En segundo lugar, impediuse a participación dos membros do Comité de Empresa en Asembleas convocadas pola propia Dirección para rematar coas protestas. A seguir, “expulsouse” aos representantes da centrais sindicais do Comité de Folga, porque non lles interesabamos. Logo violouse a obriga de negociar co Comité de empresa e impediuse a entrada na fábrica dos membros da CIG. E agora, advírtese directamente a todos os traballadores con tomar medidas contra eles se volven convocar folgas”, critica.

Volver