Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A DEPUTACIÓN E O COMITÉ DE EMPRESA ACEPTAN AS PROPOSTAS DA CIG SOBRE O PERSOAL FIXO DO SERVIZO DE RECOLHIDA DO LIXO E REXEITAN AS RELATIVAS AO PERSOAL LABORAL INDEFINIDO.

28 Mai 2014

Por 1ª vez na historia da Deputación Provincial a CIG está presente numha negociación do persoal laboral

Á marxe das actuacións xurídicas que a CIG emprenda, no seu momento, como consecuencia da súa participación no proceso negociador sobre a privatización do Servizo de Recolha de Lixo, en cualidade de "observadora", sen capacidade de tomar acordos; cómpre explicar e avaliar o acontecido na reunión mantida, hoxe 28/05/14, entre o Comité de Empresa, o Goberno da Deputación e a Sección Sindical da CIG, a respeito do preacordo que xa tinhan alcanzado o Comité de Empresa e o Goberno da Deputación, en relación coa proposta do goberno provincial.

1º.- A CIG manifestou a súa oposición á privatización do Servizo de Recolhida de Lixo da Deputación Provincial, ao consideralo un servizo básico que debe ser prestado dun xeito público. En calquera caso, dado a avanzado da negociación, entre o Comité de Empresa e a Deputación, así como o papel reconhecido ao sindicato nacionalista pola Deputación Provincial, como membro non negociador, a CIG trasladou umha serie de propostas mínimas, co ánimo de complementar o preacordo xa alcanzado e contribuír á estabilidade dos trabalhadores e trabalhadoras afectados/as.

            * Propostas da CIG pra completar o preacordo alcanzado entre o Comité e a Deputación:

Persoal Laboral Fixo:

a) Análise do dereito á subrogación nos proprios entes locais, do persoal transferido á Deputación por concelhos e entidades mancomunadas.

b) Especificación das garantías dadas ao persoal laboral, para o caso de despedimento obxectivo ou improcedente, no seguinte sentido: "Despedimentos ou extincións, individuais ou colectivas, por calquera causa, que sexan consideradas, pactadas ou declaradas improcedentes, xustificadas por causas obxectivas, forza maior ou outras e inxustificadas en xeral".

c) Inclusión do dereito ao reingreso na Deputación do persoal laboral, para o suposto de extinción, suspensión ou desistimento da concesión por parte da empresa mixta.

d) Inclusión ao acordo da garantía de aplicabilidade do Convenio Colectivo ao persoal da empresa mixta, non só durante a vixencia do actual, senón dos novos convenios que se poidan subscribir tras a caducidade do que está en vigor.

Persoal Laboral Indefinido:

a) Estensión das garantías dadas ao persoal laboral fixo, para o caso de despedimento na empresa mixta, ao persoal laboral indefinido da Deputación.

2º.- Tanto a Deputación Provincial, como o Comité de Empresa admitiron a inclusión no acordo de 3 das 4 propostas da CIG relativas ao persoal laboral fixo; inadmitindo a 4ª proposta: aplicabilidade do convenio colectivo (letra d).

3º.- Tanto a Deputación Provincial, como o Comité de Empresa rexeitaron a inclusión no acordo da proposta única realizada pola CIG en relación co persoal laboral indefinido.

4º.- A CIG solicitou o prazo dumha semana pra facer consultas cos seus afiliados/as sobre a postura da Deputación Provincial e do Comité de Empresa, a respeito da inadmisión da proposta relativa ao persoal laboral indefinido; negándose a Deputación Provincial a adiar mais a negociación e someténdoa á aprobación do Comité de Empresa; órgano que se pronunciou a favor da aprobación da proposta de privatización do servizo de recolhida do lixo, incluíndo as achegas da CIG sobre o persoal laboral fixo, mais sen mudar as previsión sobre o persoal laboral indefinido.

Así as cousas, a CIG considera que o goberno da Deputación Provincial perdeu umha inmelhorábel ocasión pra dar seguridade e coherencia ao acordo ao que chegou co Comité de Empresa; preferindo apurar un acordo parcial, con tal organismo representativo, que subscribir un acordo con todas as opcións sindicais da Deputación; única garantía de paz social.

Nas próximas semanas, en función da aplicación individual que se faga do acordo alcanzado co Comité de Empresa e das conclusións a que cheguemos sobre o papel asignado á CIG no proceso, estaremos en disposición de anunciar os acordos que adopten polos afiliados e afiliadas da central sindical na Deputación, no que atinxe á interposición de accións fronte ao acordo de privatización do servizo de recolhida do lixo.

Volver