Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A DEPUTACIÓN DE OURENSE BUSCA UN/HA BOMBEIRO/A CONDUTOR/A

28 Xul 2020

Ofertan un contrato de tres meses de duración

A Deputación de Ourense fai pública no BOP do 28 de xullo a convocatoria para a contratación laboral temporal polo procedemento especial de urxencia que se indica a continuación, segundo o Decreto da Presidencia de data 22 de xullo de 2020:

1.- Número e denominación da praza: un bombeiro/a condutor/ a para o Parque de Bombeiros da Deputación Provincial de Ourense.

2.- Tipo de contrato: eventual por circunstancias da produción.

3.- Duración do contrato: 3 meses

4.- Sistema de selección: o procedemento selectivo será sempre o concurso, aplicándose para estes efectos o baremo establecido no artigo 6.1 da Ordenanza reguladora dos procedementos de selección de persoal funcionario interino e laboral temporal ao servizo da Deputación Provincial de Ourense (BOPdo 1 de agosto de 2014).

5.- Perfil requirido para a contratación: graduado en Educación Secundaria Obrigatoria ou equivalente, grao de coñecemento do idioma galego (Celga 3), o permiso de circulación clase “C+E” e certificado de aptitude profesional conforme ao Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada.

6.- O prazo e lugar para a presentación de instancias: 5 días naturais contado a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia.

As solicitudes poderanse presentar no rexistro xeral da Deputación Provincial de Ourense, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por calquera dos seguintes medios:

a) De forma presencial, mediante a presentación en papel da solicitude e da documentación anexa na oficina de asistencia ao cidadán en materia de rexistro da Deputación Provincial, nas oficinas de asistencia de calquera outra administración pública, nas oficinas das representacións diplomáticas ou consulares de España ou nas oficinas de Correos.

b) De forma telemática, a través do rexistro xeral da sede electrónica da Deputación Provincial, no enderezo https://sede.depourense.es

Xunto coa solicitude e a documentación acreditativa de posuír os requisitos establecidos no punto 5, deberá presentarse o seguinte:

1.- Xustificante de pago da taxa de participación no proceso selectivo.

No caso de que o interesado estea exento por discapacidade igual ou superior ao 33 % , deberá acreditar esta circunstancia mediante certificación acreditativa expedida polo Instituto Nacional de Seguridade Social. No caso de que o interesado estea exento por ter a condición de desempregado de longa duración, deberá achegar certificación desta situación expedida polo Servizo Público de Emprego. No caso de que o interesado forme parte dunha familia numerosa e se acolla á bonificación do 50 % no pago da taxa, deberá achegar copia do título de familia numerosa expedida pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

2.- Currículo profesional que xustifique que dispoñen da debida cualificación para o desenvolvemento das tarefas obxecto do contrato, así como os méritos que estimen oportuno alegar.

7.- Órgano de selección: a selección da persoa contratada realizaraa un tribunal, que estará constituído por:

- Presidente: don Manuel Valentín Pérez Nieto (adxunto ao xefe do Servizo de Recursos Humanos e Formación)

- Vogais: don José Fírivida Rodríguez (xefe do Parque Móbil e de Maquinaria, don Luis Salgado Vázquez (xefe de Negociado de Servizos Supramunicipais) e don Esteban Fernández Álvarez (xefe da Sección de Xestión e Selección de Persoal)

- Secretaria: dona María Ángela Garrido Movilla (xefa do Negociado de Administración e Control)

8.- Proceso selectivo e baremo: unha vez concluído o prazo de presentación de solicitudes, o tribunal pasará a resolver sobre a admisibilidade a trámite das solicitudes e a valoración das admitidas, segundo o seguinte baremo e de conformidade co artigo 6.1 da Ordenanza reguladora dos procedementos de selección de persoal funcionario interino e laboral temporal ao servizo da Deputación Provincial de Ourense:

a) Polos servizos prestados na mesma ou análoga categoría profesional: 0,15 puntos por mes ou fracción (acreditarase, no caso de servizos prestados en administración públicas, mediante certificación expedida pola Administración correspondente e para o resto de servizos restados mediante informe de vida laboral expedido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social e mediante orixinal ou copia cotexada dos contratos de traballo). Entenderase por categoría profesional análoga aquela coa que a prevista nas bases garde unha relación de identidade esencial. O cómputo realizarase sumando o tempo total de servizos prestados expresado en días e dividíndoo por trinta, aplicándolle ao cociente resultante o coeficiente de puntuación que corresponde segundo o baremo.

b) Por cada curso realizado, impartido por administracións públicas, universidades, INEM, formación continua no marco do Acordo de formación continua para as administracións públicas ou formación ocupacional, relacionado coas funcións para desenvolver:

- Por cursos de 20 a 59 horas: 0,5 puntos por curso.

- Por cursos de 60 a 99 horas: 0,75 puntos por curso.

- Por cursos de 100 ou máis horas: 1 punto por curso.

(Acreditarase mediante copia cotexada do diploma ou certificado do curso correspondente)

Os méritos que aleguen os interesados e que, de acordo co baremo previsto, desexen que se lles teñan en conta, acreditaranse debidamente por medio de documentos orixinais ou fotocopias destes que se presentarán cotexadas fidedignamente, significándose que non se valorarán aqueles méritos que o tribunal considere que non estiveran suficientemente acreditados. Os méritos admisibles e valorables serán unicamente os causados ata a data de expiración do prazo sinalado para a presentación de instancias. Unha vez terminada a fase de valoración, o tribunal elevará a proposta á Presidencia da Deputación, que resolverá conforme á dita proposta, agás no suposto en que se advirta que a dita proposta incorre en vulneración da legalidade vixente, en cuxo caso devolverá a proposta ao tribunal para o sentido que proceda.

9.- Recursos: contra esta resolución poderase interpoñer un recurso potestativo de reposición ante esta Presidencia, no prazo dun mes contado dende o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente ante o Xulgado Provincial do Contencioso-Administrativo, no prazo de dous meses contados  dende a mesma data, segundo o artigo 8.1º, en conexión co artigo 10.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo

Volver