Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A DEMOCRACIA DO PP: EXPULSAN A VARIOS MEMBROS DA PLATAFORMA DE AFECTADOS POLA HEPATITE C DA ENTRADA DO HOSPITAL DE VERÍN

11 Mar 2015

O seu "delicto", ademais de estar gravemente enfermos, foi exercer o dereito á liberdade de expresión

Tras a expulsión sofrida polos membros da "Plataforma de Afectados pola Hepatite C" das inmediacións do Hospital de Verín, o día 10/3/15, debemos chamar á cidadanía e aos trabalhadores e trabalhadoras das Comarcas de Monterrei, Conso Frieira, Viana do Bolo e A Limia a REBELARSE CONTRA O NEOFALANXISMO e a DITADURA que nos están a impor, día a día, dende os que exercen o poder con métodos proprios do fascismo.

Adiante aos membros desta Plataforma ! Tenhen todo o apoio da CIG e dos trabalhadores e trabalhadoras do sul de Ourense.

NOTA DE PRENSA DA PLATAFORMA DE AFECTADOS/AS POLA HEPATITE C:

Na mañá de hoxe, tres membros da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C foron expulsados do aparcadoiro situado fronte á entrada Provincial do Hospital de Verín. Xa se produciran feitos similares no día de onte no Hospital Cristal Piñor.
Tres membros da Plataforma, identificados con petos vermellos co slogan "Tratamento para todos" acudiron ás nove da mañá ao exterior do Hospital de Verín co propósito de colocar unha pequena mesa para recabar sinaturas das persoas que acudían ao centro. Algo que os membros do colectivo vimos facendo con asiduidade en hospitais de todas as localidades de Galicia. Ao chegar ao recinto pediron permiso para instalar o punto de recollida no interior e, cando lles dixeron que ían consultalo, decidiron instalarse no aparcadoiro do exterior agardando a resposta. Ao cabo de media hora, foilles comunicado polo garda de seguridade que tampouco podían estar no exterior do edificio e que tiñan que abandonar o recinto
Á vista desta conminación decidiron situarse fóra do valado e pendurar a pancarta da Plataforma na parte exterior do mesmo. Aproximadamente ás 11:30 de novo un garda de seguridade lles informou de que tamén tiñan que retirar a pancarta colgada na parte extrerior do peche de tela metálica, e que non podían entrar a pedir sinaturas dentro do recinto valado. Finalmente, ás 12:15, diante do acoso evidente a que estaban sendo sometidos, decidiron abandonar o lugar e situar a mesa de recollida de sinaturas e a pancarta no centro da localidade.
Dáse a circunstancia de que xa no día de onte, no hospital Cristal Piñor de Ourense membros da Plataforma que intentaban realizar a mesma actividade foron obrigados a situarse fóra non xa do edificio senón do recinto.
A orde, segundo puido averiguar a Directiva da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C partiu directamente da xerente da EOXI de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, e exconcelleira do Partido Popular de Ourense Eloína Núñez. A xuízo desta Plataforma este é un comportamento abertamente autoritario, antidemocrático e belixerante e unha extralimitación da Xerente. Coincide, ademais, que ao mesmo tempo que se producían estes feitos, os representantes da Plataforma Galega estaban sendo convocados formalmente polo Director Xeral de Asistencia da Consellería de Sanidade, Félix Rubial, a unha reunión para valorar o Plan Estratégico Nacional dobre Hepatite C do Sistema Nacional de Saúde, en tanto que asociación de pacientes.
A Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C vaise dirixir en escrito de queixa ao Xerente do SERGAS, Fernández-Campa e pedíndolle explicacións por esta actuación atentatoria contra os dereitos dos doentes por parte da xerente ourensá. En palabras do voceiro da Plataforma, Quique Costas: "Non imos consentir atentados contra dereitos elementais por parte de ningunha instancia do SERGAS. As autoridades sanitarias teñen que entender, dunha vez por todas, que a súa misión non é a de pelearse cos colectivos de doentes senón a de combater a enfermidade, obxectivo no que nos terán, pola conta que nos ten, ao seu lado". A Plataforma advirte de que continuarán acudindo aos centros ourensáns a recabar sinaturas "como facemos en todos os demais centros da Comunidade" e, caso de que se repitan actos de represión como os descritos "non dubidaremos en esixir a demisión de quen ten un concepto absolutamente autoritario da súa función".

Volver