Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A CIG-Verín convoca unha concentración contra a falta de dereitos laborais no Concello de Rairiz de Veiga

28 Mai 2009

O martes 2 de xuño, ás 12:00 horas, diante da Subdelegación do Goberno de Ourense

A Comisión Executiva da Unión Local da CIG de Verín acordou celebrar o martes 2 de xuño, unha concentración de afiliados/as e delegados/as do sindicato, diante da Subdelegación do Goberno en Ourense, co obxectivo de rexeitar as accións de “discriminación, intransixencia e desprezo absoluto aos dereitos dos traballadores/as que o alcalde do Concello de Rairiz da Veiga vén protagonizando dende hai mais de 3 anos”, tanto contra Manuel Pérez Gómez, afiliado da CIG (cedido pola ex Mancomunidade da Limia) como na contra doutras afiliadas e traballadoras da institución local.

A CIG-Verín lembra que tras máis de dez procesos xudiciais en reclamación de todo tipo de dereitos: vacacións, asuntos proprios, salario, horario, xornada, funcións e mesmo pagamento do complemento da prestación de Incapacidade Temporal, o alcalde do Concello de Rairiz da Veiga “non só burla e incumpre as resolucións ditadas polos Xulgados Sociais de Ourense baixo o paraugas de ser un cargo público, senón que, con temeridade e desprezo á legalidade vixente, persiste en impor ao afiliado da CIG as mesmas circunstancias laborais discriminatorias polas que é reiteradamente condenado”.

Vulneración dos dereitos fundamentais

Como exemplos da gravísima situación que está a provocar o rexedor local á propria institución municipal e, ao compañeiro da central, dende a CIG-Verín destacan dúas circunstancias:

1º.- O Concello foi condenado, por dúas veces, por vulneración dos dereitos fundamentais do traballador, nomeadamente, o dereito á dignidade e o dereito á tutela xudicial efectiva.

2º.- A institución local mantén unha débeda co traballador e coa Inspección de Traballo duns 50.000 euros aproximadamente. Con todo, o peor do asunto, sinalan dende a Unión Local, é que o afiliado da CIG está a ser levado “a situacións persoais de grave risco para a súa saúde e integridade, tendo que pasar prolongadas xeiras en situación de baixa médica”.

De feito, continúan, neste momento atópase de baixa por depresión e ataques de ansiedade. “Así as cousas, consideramos que é o momento no que temos que intervir: central sindical e afiliados/as conxuntamente. É o momento da solidariedade”.

Por esas razón fixeron un chamamento a todos os afiliados/as e delegados/as da central da comarca a participar o 2 de xuño nesta concentración.

Volver