Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A CIG solicítalle á Xerencia hospitalaria de Ourense que aclare os motivos do peche da unidade da dor do hospital de Verín

23 Xan 2014

Dende a central nacionalista culpan da situación aos recortes que o PP está a aplicar en materia sanitaria

Dende a CIG sosteñen que a política de recortes practicada polo Partido Popular está a provocar “o peche de quirófanos mal esterilizados, avarías en aparellos médicos que provocan que as mulleres tenhan que ir parir a 100 quilómetros e un longo etcétera de incompetencia e ineficacia que, iso si, como sempre prexudica os máis necesitados/as, porque os dirixentes e familiares do PP non precisan listaxes de espera pra seren atendidos/as nos servizos médicos”.

Deste xeito, a central nacionalista anima a denunciar ao Sergas por un funcionamento irregular dos servizos públicos, así como a presentar reclamacións por responsabilidade patrimonial da Administración.

Ao mesmo tempo, reclámalles á Xerencia hospitalaria de Ourense e ao alcalde de Verín que informen á veciñanza sobre a duración temporal do peche da unidade da dor, “así como sobre o plano de continxencia que deberían ter preparado para atender os pacientes que soliciten este servizo, á marxe do que están a facer, que é simplemente pechar o sistema de citación”.

Finalmente, dende a CIG anuncian que transladaranlle o asunto aos grupos municipais con representación no Concello de Verín para que insten á Consellaría de Sanidade a solucinar de forma urxente un problema que afecta a centos de familias das comarcas de Verín, A Limia e Conso Frieiras.

Volver