COMUNICADO DA PLATAFORMA SANITARIA DA COMARCA DE MONTERREI
Conclusións da reunión do pasado luns 20 de decembro
O luns, 20 de decembro, ás 19:30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura do Concello de Verín, celebrouse unha asemblea informativa aberta a toda a cidadanía para dar conta da situación actual pola que atravesa o hospital de Verín.
Como xa recemente se denunciou diante da opinión pública por esta mesma Plataforma Sanitaria, as/os responsábeis da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galiza están a promover, pola calada, o desmantelamento de varios dos servizos médicos que se veñen prestando no Hospital de Verín, nomeadamente os de Pediatría neonatal de Menciña interma, que pouco a pouco se van quedando sen persoal cualificado que os atenda.
Está claro que os responsábeis políticos do Partido Popular que nos están a gobernar na Galiza seguen a considerar que os servizos públicos, neste caso o de atención á saúde, en termos de rendabilidade económica, importándolles moi pouco a situación de desatención na que coas súas medidas deixan ós/ás miles de persoas que viven na nosa comarca.
Diante desta manifesta irresponsabilidade por quen nos goberna, a Plataforma Sanitaria Comarcal vese na obriga de ter que asumir a defensa da atención sanitaria dos veciños e veciñas da comarca, programando varias medidas destinadas a informar e crear sensibilización entre os afectados e afectadas. Con esta finalidade, comezando na vindeira feira do 23 en Verín, iniciarase unha recolla de sinatura en todos os concellos da comarca contra as medidas tomadas pola Consellería de Sanidade e solicitaraselle a todos os concellos da bisbarra que se posicionen o respecto; celebraranse reunións informativas cos veciños e veciñas co obxetivo de convocar unha manifestación de protesta polas agresións que se están a cometer contra un servizo e dereito básico como é a saúde.

