Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A CIG PRESENTA NOVA DEMANDA CONTRA O CONCELLO DE VERIN POR INCUMPRIMENTO DE ACORDOS

04 Mai 2017

A demanda interpúxose o pasado 23 de abril perante o Xulgado do Contencioso Administrativo de Ourense

O día 8 de xullo do 2016, no ámbito da Mesa Xeral de Negociación do Concello de Verín, o goberno municipal, a representación sindical e a representación unitaria do ente local, aprobaron o denominado: "Acordo dirixido a regular a actualización da Relación de Postos de Traballo, a Renovación do Convenio Colectivo do Persoal Laboral, o Acordo Regulador do Persoal Funcionario e as Bases de Contratación do Concello de Verín"...........

O día 13 de xaneiro do 2017 celebrouse a reunión entre o Concello de Verín, representado polo seu alcalde: Gerardo Seoane Fidalgo, o seu tenente alcalde: Diego Lourenzo Moura, a súa concelleira de persoal: Rosario Rodríguez Delgado e a súa concelleira de seguranza cidadá: Cándida Couñago Lara, e a parte social, representada polos membros da CIG, CCOO e CSI.F, así como polos 5 representantes legais do persoal laboral e polos 3 representantes legais do persoal funcionario.

Na citada reunión o Grupo de Goberno comprometeuse a cumprimentar o seguinte:

a) O goberno do concello enviaría, o 25/01/17, ás centrais sindicais, a proposta de calendario laboral e de vacacións da policía local pra 2017, co obxecto de tratalo e negocialo na reunión que, nise acto, se convocou pro día 27/01/17.

b) O goberno do concello enviaría, o 25/01/17, ás centrais sindicais a proposta de actualización da RPT da policía local, pra tratala e negociala na reunión que, nise acto, se convocou pro día 15/02/17.

c) O goberno do concello presentaría, na reunión do 15/02/17, a proposta de RPT para o resto do persoal laboral e funcionario do Concello de Verín, así como a dotación económica en materia de persoal pros orzamentos de 2017.

d) O goberno sometería, ao Pleno do mes de Marzo do 2017, o Acordo para regular a actuación da RPT municipal, a renovación do Convenio do Persoal Laboral e do Acordo Regulador de Funcionarios/as e as Bases de Contratación de Persoal, asinado polo Alcalde e aprobado pola Mesa Xeral de Negociación do Concello no mes de xullo do 2016.

A maior parte dos compromisos contraídos polo Alcalde o 13/01/17 foron incumpridos polo Concello. A saber:

a) O día 25/01/17 o goberno enviou, ás centrais sindicais, a súa proposta de calendario laboral e vacacións para a policía local pra 2017.

b) O día 25/01/17 o goberno non enviou nen entregou ás centrais sindicais a proposta de actualización da RPT da policía local, tal e como estaba comprometido.

c) Pola contra, o proprio 25/01/17, a concelleira de persoal convocou unha reunión con todo o corpo da policía local, sen presenza dos sindicatos, entregándolles aos funcionarios/as unha proposta sobre a clasificación dos seus postos de traballo e emprendendo unha negociación directa co persoal funcionario, de costas ás centrais sindicais.

d) O día 27/01/17 celebrouse unha reunión entre a concelleira de persoal e os representantes sindicais do persoal funcionario só pra tratar o tema do calendario laboral e de vacacións da policía local, sen que a rexedora municipal subministrase información algunha sobre a negociación directa emprendida con todos os policías locais, relativa RPT municipal.

e) O día 03/02/17 a CIG rexistrou un escrito, advertindo sobre a ilegalidade e a violación do dereito á negociación colectiva e á liberdade sindical nas que estaba a incorrer o grupo de goberno, ao emprender negociacións directas cos funcionarios da policía local sen convocar ás centrais sindicais, cando tanto o EBEP como a LEPG determinan que a negociación colectiva ha realizarse, directamente, coas centrais sindicais e non cos traballadores/as (a fin de protexer a estes últimos das presións que poderían sufrir no caso de non existir sindicatos). Posteriormente, a concelleira de persoal declararía que o carácter deste tipo de reunións, sen sindicatos, non era negociador, senón só de consulta.

f) O mesmo 03/02/17 celebrouse unha reunión da Comisión de Control do persoal funcionario, entre a concelleira de persoal e as centrais sindicais, na que se tratou, exclusivamente, o asunto do calendario laboral e de vacacións para a policía local pra 2017, alcanzándose un principio de acordo sobre o calendario laboral da policía local, que habería de ser ratificado na reunión que se convocase na semana do 13/02/17.

g) A partires do día 03/02/17 nunca se voltou convocar nen a Mesa de Negociación, nen Comisión Negociadora algunha, ficando sen ratificar o calendario laboral e de vacacións da policía local e, por tanto, non existindo acordo sobre o mesmo.

h) En consecuencia, o Concello tampouco convocou o 15/02/17 a reunión, acordada o 13/01/17, para negociar as seguintes materias:

* Proposta de actualización da RPT da policía local
* Proposta de RPT para o resto do persoal laboral e funcionario do Concello de Verín.
* Dotación económica en materia de persoal pros orzamentos de 2017.

i) E finalmente, o grupo de goberno non someteu ao Pleno do Concello do mes de Marzo 2017 o Acordo para regular a actuación da RPT municipal, a renovación do Convenio do Persoal Laboral e do Acordo Regulador de Funcionarios/as e as Bases de Contratación de Persoal, asinado polo Alcalde e aprobado pola Mesa Xeral de Negociación do Concello no mes de xullo do 2016.

A CIG ven de presentar demanda contencioso administrativa contra a inactividade do Concello de Verín, solicitando ao Xulgado que declare a violación do dereito á negociación colectiva e que condene ao ente local a someter, no prazo de 10 días, a debate e aprobación do Pleno Municipal o Acordo subscrito na Mesa Xeral de Negociación celebrada o 8 de xullo do 2016.

Volver