A CIG NON ASINARÁ ACORDOS QUE NON GARANTAN A RECUPERACIÓN DE DEREITOS LABORAIS DO PERSOAL PUBLICO
A Mesa de Negociación das Administracións Públicas do 21 de setembro foi adiada até a próxima semana
O xoves 21 e setembro reuniuse a Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, para aprobar as cuestións relativas a condicións laborais e salariais dos empregados/as públicos/as -para a súa inclusión nos Orzamentos do Estado de 2018-, quedou adiada para a semana que vén malia o Goberno do PP ter avanzados acordos con CCOO, UGT e CSIF á marxe do organismo. Dende a CIG xa adiantamos que non asinaremos ningunha proposta que non contemple a Recuperación dos dereitos que lle foron arrebatados ao funcionariado desde 2010.
Na Mesa, as organizacións sindicais recibiron como xustificación deste atraso que cunha semana máis se pode seguir mellorando o acordo. Ademais entregouse un novo documento e convidouse aos sindicatos con representación na mesma a estudalo e presentar propostas.
Ao comezo da xuntanza a CIG, trasladou á Secretaria de Estado a denuncia polas negociacións que se veñen desenvolvendo con CCOO, UGT e CSIF á marxe da Mesa Xeral, excluíndo a outras organizacións sindicais que, como a CIG, contan con representación na mesma. Negociacións que a Secretaria de Estado tratou de xustificar argüíndo que se desenvolveron no marco dunha comisión creada coas organizacións asinantes do anterior acordo. O acordo contempla cuestións relativas a condicións laborais, pero deixa á marxe o referido a retribucións.
A CIG xa manifestou a súa decisión de non apoiar ningún acordo que non contemple a derrogación dos Decretos-Lei impostos ao persoal das Administracións públicas desde o ano 2010, entre outros: RD-Lei 8/2010, polo que se adoptan medidas extraordinarias para a redución do déficit público; RD-Lei 20/2011, de medidas urxentes en materiaorzamentaria e tributaria para a corrección do déficit público; e RD-Lei 20/2012, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade. Isto xunto con todos aqueles decretos impostos polo Goberno español relativos a reformas laborais, reforma da negociación colectiva, modificacións das pensións e demais recortes das condicións laborais e salariais que afectan ao conxunto da clase traballadora. A CIG exixe tamén a restitución de todos os dereitos laborais e salariais (horarios, pagas extras, salarios, 100% do salario en situación de IT, fondo social, etc) que lle foron arrebatados ao persoal empregado público desde o ano 2010.
Taxa de reposición
A proposta que se baralla contempla manter taxas de reposición, o que para a CIG sentenza aos sectores produtivos a seguir perdendo persoal. De feito limítase ao 100% para sectores prioritarios tal e como se aprobou no 2017 e pasa do 50 ao 75% nos sectores considerados non prioritarios, Iso si, nos ámbitos de seguridade cidadá (policía nacional,local…. ) será do 115%.
A intención do goberno é que cada administración poida dispoñer dun 5% adicional a engadir ás taxas xénericas que se aproben, para calquera dos sectores que cada administración estime conveniente. Con todo néganse a aprobar a nosa demanda de restitución da capacidade de decisión das comunidades autónomas sobre a xestión do seu cadro de persoal. Lonxe disto, centralízase aínda máis. Establécese, xunto a isto, unha taxa de reposición especial – sen definir- para a dotación de interventores na administración local.
Estabilización do persoal
A proposta da administración fala dunha taxa de reposición adicional, que non se podería considerar como tal e que sería xeral para todos os ámbitos, que non computará na taxa xenérica de reposición. Sería algo así como ampliar algo o texto e liña de actuación do último acordo que asinaron coas outras centrais sindicais sobre a estabilización do persoal das administracións públicas.
A CIG considera que se están vendendo estes procesos de estabilización de emprego, como un aumento de emprego público e non é verdade porque o único que se pretende conisto é cumprir as sentenzas europeas referidas á precariedade que padece o persoal das administracións públicas. Unha situación na que están máis dun 40% dos traballadores/as que teñen un contrato eventual, interino ou por horas ou días.
Retribucións
A proposta de incremento salarial, que non vai incluída no acordo cos sindicatos CCOO, UGT e CSIF, contempla un incremento fixo para tres anualidades:
- do 1,5% para 2018,
- do 1,75% para 2019,
- e do 2% para 2020,
xunto cunha parte variábel que estaría condicionada ao PIB de cada ano que consistiría nun 0,25% e un 0,50% adicionais se se cumpren as previsións.
Para a Área Pública esta medida é inaceptable nun contexto de incremento de prezos e produto interior bruto por enriba do 3%. Non se propoñen medidas de ningún tipo para recuperar o poder adquisitivo perdido durante estes anos, que en conxunto se poden cifrar nun 27% para o persoal que traballa para a Administración do Estado e nun 38,7% para o persoal que traballa no ámbito da administración da Xunta de Galiza. As diferenzas salariais e de condicións económicas entre o persoal das distintas administracións continuará sen converxer, sendo discriminatoria a carga da perda adquisitiva que sufrimos os traballadores das administracións polo só feito de traballar para unha administración ou para outra.
Consideramos que as persoas que traballan para as administracións non terían nengunha recuperación económica, tendo en conta todo o que perdemos nestes anos. Por todo isto CIG-Área Pública non asinará acordos que non garantan a recuperación de dereitos laborais nin económicos do persoal que traballa nas Administración Públicas.

