Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 

A CIG GAÑA CONFLITO COLECTIVO CONTRA A EMPRESA PÚBLICA SEAGA

20 Xun 2016

O TSXG ordea que a duración dos contratos d@s traballadores/as se estenda a toda a execución da encomenda de xestión e até a súa completa finalización

Tras a demanda de Conflito Colectivo, interposta pola Confederación Intersindical Galega contra a Empresa Pública de Servizos Agrarios, S.A., a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ven de publicar a súa sentenza de 14 de xuño do 2016, pola que, estimando en parte, a acción colectiva do noso sindicato, declarou o dereito de todos os traballadores e traballadoras da SEAGA a seren contratados dende o comezo da execución da encomenda de xestión realizada pola Xunta de Galiza a SEAGA e deica o remate de tal execución.

Para facernos unha idea do que iso suporá nas relacións laborais do persoal indefinido descontinuo da SEAGA podemos tomar, como referencia, o que aconteceu durante o ano 2015.

a) Data de inicio da execución da encomenda de xestión:                        26/06/2015

Data da maioría dos chamamentos ao traballo:                                          15/07/2015

b) Data de remate da execución da encomenda de xestión:                   31/10/2015

Data de remate da maioría dos contratos de traballo:                              15/10/2015

É dicer, a SEAGA, no ano 2015, adiou os chamamento do persoal durante 20 días e adiantou o remate dos contratos en 15 días. En total, a SEAGA privou do dereito a traballar e a cotizar, aos mais de 500 operarios/as da empresa, un total de 35 días, cuxos atrasos terá que satisfacer tras a publicación da citada sentenza.

Alén da satisfacción que produce ista resolución xudicial a quen a promovimos e aos traballadores/as da SEAGA, cómpre pór en destaque a nefasta xestión dos servizos públicos que realiza o actual goberno do Partido Popular. Non é de recibo que unha empresa pública, como a SEAGA, cuxo Presidente é o Conselleiro do Medio Rural, "piratee" os dereitos dos traballadores/as, obrigándonos, arreo, a acodir á xustiza ante a súa negativa a dialogar e a cumprir coas obrigas laborais. Mais aínda, nunha actividade tan sensíbel para a cidadanía como a extinción de incendios forestais.

Durante os próximos meses a CIG interporá centos de reclamacións pra que se aboen aos traballadores/as os 35 días dos que, no 2015, foron privados. Igualmente, formularemos denuncia perante a Inspección de Traballo a efectos de que se levante acta de infracción en materia de dereitos laborais e se obrigue á empresa a cotizar o período concedido polo Tribunal Superior de Xustiza.

Volver