Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A CIG e o Concello de Verín chegan a un preacordo sobre o inicio da negociación colectiva

22 Dec 2011

O achegamento de posturas posibilitará que a representación sindical non impugne os orzamentos

Os convenios colectivos do persoal laboral e funcionario levan prorrogados dende o 2001, sen que se puidese abordar un proceso negociador serio e rigoroso dirixido á renovación de ambas normas, fundamentalmente pola negativa do Goberno local.

No exercicio 2009-2010, desbotada a vía negociadora, o grupo de Goberno impuxo unha serie de normas laborais regresivas modificando unilateralmente a Relación de Postos de Traballo para atribuír á Policía local unha clasificación profesional incorrecta, o que levou a que a Xustiza tivese que anular os Orzamentos Municipais do ano 2009 por falta de negociación.

O Goberno local presentou este mes a proposta de Orzamento para o ano 2012, nuns tempos e circunstancias semellantes ás de sempre. Porén, desta volta, a publicación da citada sentenza do TSXG aparellou, por vez primeira en catro anos, que o rexedor municipal se ollase na obriga de ter que ceder a convocatoria dunha segunda reunión da Mesa Xeral de Negociación e aceptar a inclusión e debate dun punto na orde do día proposto pola parte sindical.

Diante disto, a CIG, aproveitando a oportunidade para tentar restabelecer as negociacións entre as partes e, polo tanto, para retomar a normalidade laboral na institución local, fixo unha proposta ao alcalde que, logo da súa discusión, foi aceptada polo mandatario, o que deu lugar ao seguinte preacordo:

1º. As partes acordan a apertura do proceso de negociación dos convenios colectivos para o persoal laboral e funcionario co seguinte contido mínimo:

-Renovación das Bases Xerais de Contratación do Persoal Temporal do Concello de Verín.

-Oferta Pública de Emprego para o ano 2012.

-Clasificación dos postos de traballo da Policía local.

-Análise do salario base das distintas categorías profesionais do persoal laboral.

-Texto dos convenios colectivos.

2º. Os procesos negociadores deberán iniciarse o día 10 de febreiro do 2012 (como data tope) e terán unha duración mínima de cinco meses até o 10 de xullo do 2012.

3º. Os procesos negociadores non poderán darse por concluídos, en ningún caso, antes do 10 de Xullo do 2012.

4º. En todo caso, durante o proceso, as partes obríganse a manter, como mínimo, dúas reunións mensuais.

5º. O Concello comprométese, no caso de chegar a un acordo coa parte sindical, a modificar os Orzamentos Municipais para 2012, no que sexa preciso, para darlle cabida aos pactos alcanzados.

6º. O grupo de Goberno do Concello de Verín deberá entregar á parte sindical, antes da aprobación dos orzamentos, a seguinte documentación:

-Atribución realizada a cada traballador/a durante os anos 2009, 2010 e 2011 do concepto orzamentario "outras remuneracións" (produtividades, incentivos, etc.).

-Copia do documento Bases para a Execución do Orzamento 2012.

-Proposta municipal de distribución durante o 2012 do concepto orzamentario "outras remuneracións".

7º. O Concello de Verín debe comprometerse a implementar o recoñecemento médico anual para todo o persoal durante o mes de xaneiro de 2012.

Pois ben, dende o escepticismo que produce saber que o Concello move ficha obrigado polos Tribunais e dende a realidade económica que nos toca vivir, a CIG realiza unha contribución ao diálogo co obxecto de normalizar as relacións laborais no ente local e para que os traballadores e traballadoras do Concello de Verín poidan recuperar o seu dereito a decidir sobre as súas condicións de traballo. “A pelota está no tellado do señor alcalde do Concello de Verín; Del dependerá que se relaxen as tensións creadas ou que, pola contra, se continúe coa infrutuosa política do ordeno y mando”, rematan.

Volver