Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A CIG denuncia diante da Fiscalía que o 112 non informou a Salvamento da desaparición dunha anciá en Monterrei

27 Xan 2014

A muller, de 87 anos, faleceu pouco despois de seren atopada tras pasar a noite á intemperie

A central nacionalista explica que a muller, de 87 anos, saíu da súa casa o pasado 4 de decembro e que, ante a demora en regresar, a súa familia decidiu dar aviso ás autoridades e púxose en marcha un operativo de busca integrado por veciños/as, Garda Civil e voluntarios/as de Protección Civil de Laza.   

Segundo figura no escrito de denuncia, aínda que a anciá foi atopada con vida ao día seguinte “as baixas temperaturas que tivo que soportar durante a noite”, que pasou á intemperie nun prado próximo á súa vivenda, “fixeron que falecera aos poucos minutos”.

Diante disto, a CIG solicítalle ao fiscal que investigue “a omisión de dar aviso” ao consorcio de salvamento, organismo competente para esta tarefa en Monterrei, por parte do 112, á vista do resultado de morte dunha persoa. “Debe de ser investigada a efectos de determinar, xa non a súa transcendencia profesional senón a penal”.

Resposta do 112 

Segundo indican dende a central nacionalista, o Centro de Atención de Emerxencias 112 colgou hoxe mesmo un comunicado na súa páxina web do que se deduce, “ao contrario do que se declara”, que non se seguiron os protocolos estabelecidos na Lei de Emerxencias de Galiza, que atribúen a competencia de mobilización de medios -tanto para a xestión dos riscos que afecten a un concello como para os que afecten a máis dun- ao propio Centro de Atención de Emerxencias 112 e non ás forzas e corpos de seguranza do Estado.

En consecuencia, a CIG complementará a denuncia formulada perante a Fiscalía de Ourense achegando o comunicado do Centro de Atención de Emerxencias ao considerar que se recoñece non só o incumprimento do deber de dar aviso ao Consorcio contra Incendios e Salvamento da Comarca de Verín “senón tamén o incumprimento das obrigas xerais de estabelecer o procedemento de actuación e de mobilizar aos medios impostas pola Lei de Emerxencias de Galiza.

 

 

Volver