A CIG denuncia as prácticas abusivas contra as traballadoras/es na empresa hostaleira “O Pazo do Carregal”
Con xornadas laborais que chegaron a superar mesmo as 12 horas, sen estar de alta na Seguridade Social por 300 euros mensuais
O Pazo do Carregal accedeu ao uso das instalacións públicas da Lonxa Agropecuaria por unha módica renda, co compromiso, segundo o propio alcalde, Juan Jiménez Morán, de realizar un número significativo de contratacións entre a xente da comarca.
A Unión Local da CIG de Verín denuncia as condicións laborais abusivas ás que se somete a traballadoras e traballadores e fai un chamamento ao responsábel último da empresa O Pazo do Carregal para que “se incorpore á senda da legalidade” que considera que é abondo flexíbel coa reforma laboral aprobada polo PP.
Fai tamén un chamamento ao Servizo de Inspección de Traballo para que, cumprindo coa súa obriga, faga respectar a legalidade laboral vixente e ao propio alcalde de Verín, que foi quen avalou a apertura da empresa O Pazo do Carregal en instalacións públicas.

