A CIG DEMANDA AO CONCELHO DE VERIN POR VIOLACIÓN DO DEREITO Á NEGOCIACIÓN COLECTIVA
Reclama o cumprimento dos acordos acadados o 8/7/16 co Grupo de Goberno
Levamos xa moito tempo advertindo de que a mudanza de siglas nun goberno non garante a mudanza de prácticas e, aínda que sabemos que no actual Goberno do Concelho de Verín non todas as sensibilidades son coincidentes, tamén constatamos que a actuación que se está a desenvolver, en materia de negociación dos dereitos e obrigas dos trabalhadores/as, non difire moito da doutras épocas (tan criticadas) e, por riba, é moito mais desorganizada.
O caos organizativo na institución local, en materia de persoal, é de tal calibre que non só, a estas alturas do ano 2017, non se iniciou, aínda, a negociación relativa aos orzamentos, senón que o Concelho de Verín, por non ter presentado as contas de anos anteriores en prazo ante os organismos fiscalizadores do Estado e da CCAA, pode perder subvencións para o mantemento de determinados servizos públicos, pondo en risco a existencia dos mesmos, a menos que faga recair o seu custe nas arcas municipais.
E se ao anterior lhe engadimos o mal hábito de non cumprir os acordos e convenios subscritos temos o trebón perfecto e a explicación de por qué hoxe temos que facer pública a demanda xudicial de Conflito Colectivo que presentou a CIG contra o Concelho de Verín, por violación do dereito á negociación colectiva.
A Unión Local da CIG de Verín e A Limia ven de demandar perante o Xulgado do Social de Ourense ao Concelho de Verín, reclamando o cumprimento do Convenio Colectivo para o persoal laboral, en materia de calendario de vacacións. O artigo 22 do Convenio dispón que o calendario de vacacións debe estar negociado, cada ano, antes do día 1 de abril. Pois ben, só, tras recibir a demanda da CIG, o Concelho ven de lembrar a súa obriga de elaborar e negociar un calendario de vacacións. Hoxe deuse traslado pola concelheira de persoal ao Comité de Empresa do inicio do proceso para que todos os empregados/as municipais fagan proposta das vacacións que desexan gozar no ano 2017. Tralo proceso de propostas individuais, ha convocarse a Mesa de Negociación pra que nise organismo se aprobe o Calendario anual para 2017.
Como di o refrán: "sen querer tamén se mata a un home" e isto exemplifica moi as claras que, cando se apela darreo ao "buenismo" pra xustificar todo tipo de comportamentos neglixentes, o que adoita acontecer é que se está agochando a incapacidade e isto, trasladado ao ámbito dun Concelho, sinala o camiño perfecto cara o fracaso da xestión: perguntámonos como pode o grupo de goberno do Concelho de Verín programar o seu trabalho anual se a finais de abril non sabe cando van ir de vacacións os trabalhadores/as dos diferentes servizos ???

