Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A CIG de Verín elabora un estudo sobre os problemas socioeconómicos "endémicos" da comarca

15 Xun 2009

Solicitan ao alcalde do Concello que reclame á Xunta que invista na zona para xerar riqueza

A CIG-Verín levou a cabo o estudo logo da decisión da Consellaría de Industria de dotar de orzamento os polígonos industrias de Verín e logo de que o alcalde anunciase que non había consignados investimentos nesta área polo anterior goberno da Xunta. Non obstante, dende a Unión Local destacan que “o investimento anunciado polo novo goberno para os polígonos industriais é exactamente o mesmo que o que tiña previsto o anterior para a mesma materia e nos mesmos prazos”.

Por esta razón, lanzaron un chamamento ao rexedor para analizar a situación económica da comarca e reclamar á Xunta que invista na zona e xere riqueza “como fai noutras comarcas, mesmo de Ourense”.

As conclusións do citado estudo dan boa conta da situación económica desta área:

1ª.- A Comarca de Monterrei, dende o ano 2001 (tomouse como referencia o mesmo mes sempre: maio), incrementa por ano (durante 8) 135 parados/as; pasando de 1630 desempregados/as (2001) a 2848 desempregados/as (2009).

2ª.- A Comarca de Monterrei, alcanza unha taxa de desemprego sobre a poboación activa, durante a xeira 2001 a 2009, case 5 puntos superior á media galega (cada un dos 8 anos). En maio do ano 2009, fronte á taxa de desemprego media de Galiza do 12,20%, Monterrei obtén unha taxa de desemprego do 16,78%.

3ª.- A Comarca de Monterrei, en relación con outras comarcas do seu mesmo nível poboacional (Carballiño e Valdeorras), mantén unha taxa de desemprego superior en case 6 puntos (durante os 8 últimos anos). En maio do ano 2009, fronte á taxa de Carballiño (11,43%) e a de Valdeorras (11,09%), Monterrei sitúa a súa taxa no  16,78% da poboación activa.

4ª.- A Comarca de Monterrei, con 16969 habitantes entre 16 e 64 anos (poboación activa), inscribe, no mes de maio do 2009, nas listas de desempregados/as a 2848 persoas; 866 mais que Valdeorras (con 17873 habitantes entre 16 e 64 anos) e 831 mais que O Carballiño (con 17647 habitantes entre 16 e 64 anos).

5ª.- A Comarca de Monterrei, mantén unha diferenza de 1129 parados/as mais que a veciña Comarca da Limia; erguéndose dende hai 9 anos como a Comarca líder en desemprego de todas as de Ourense.

6ª.- O Concello de Verín, en canto institución pública xeradora de recursos, emprego e actividade económica, adxudicou entre o ano 2008 e o que vai do ano 2009, en obras públicas, a cifra de: 2.697.241 euros.

7ª.- O Concello de Verín, adxudicou o 68 % desa cantidade: 1823192,37 euros á unha só empresa: Construcciones Hermanos Carrajo, S.A.

8ª.- O Concello de Verín adxudicou o 21 % desa cantidade: 574.548,54 euros á outra empresa: Vipeca Obras y Servicios, S.L.

9ª.- O Concello de Verín adxudicou a só 2 empresas (das 275 empresas de construción rexistradas polo Instituto Galego de Estatística na Comarca (ano 2007), case o 90% dos recursos destinados a obra pública.

10ª.- Mais do 80% das adxudicacións de recursos se realizaron a meio do procedemento negociado e sen publicidade.

Así as cousas, consideran dende a CIG de Verín que a política “de fume” realizada polo alcalde, “non é mais que unha pantalla para agachar a “tremenda” realidade que vimos padecendo a nível económico nos últimos 9 anos e que, por riba, se olla agravada por unha acción política arbitraria e parcial encamiñada a non repartir, senón a concentrar todo o investimento público en só 2, das mais de 200 empresas de construción que hai na Comarca”

Dende a CIG-Verín consideran tamén que estas prácticas teñen a ver con perpetuar un aparello político-económico, moi rendíbel electoralmente, mais que exclúe do reparto dos recursos e da riqueza á maioría dos cidadáns, dos traballadores/as e, mesmo, das empresas e que, pola contra, contribúe a que a situación económica se agrave ano a ano, “embarullada e adubada por un manto de propaganda permanente”.

Volver