A CIG DE VERÍN E A LIMIA OBTÉN A MAIORÍA ABSOLUTA NAS ELECCIÓNS SINDICAIS DA EMPRESA PÚBLICA SEAGA
Dos 9 delegados/as que integran o Comité de Empresa, a CIG de Verín e A Limia obtén 6
A Confederación Intersindical Galega de Monterrei-A Limia quere felicitar a través desta nota de prensa a todos e todas os traballadores e traballadoras da empresa SEAGA polos resultados obtidos no día de hoxe no proceso de eleccións sindicais desta empresa pública.
Con seis dos nove delegados/as a elixir a Confederación Intersindical Galega resulta claramente ganadora das eleccións sindicais da empresa SEAGA.
Aprovoitamos este comunicado para dirixirnos á dirección da SEAGA no senso de que poden esperar deste novo Comité unha clara e inequívoca intención de chegar a acordos a través da negociación, mais tamén de que non deben confundir esta intención negociadora cunha manifestación de debilidade.
É ben sabido de todos e todas que ata agora a dirección de SEAGA non se ten caracterizado precisamente por ter reconecido os dereitos laborais e económicos da xente que presta os seus servizos para a empresa, senón máis ben todo o contrario. Nos últimos tempos foi e esta sendo constantemente obrigada a intervención dos tribunais de xustiza para que SEAGA se aveña a tratar os seus traballadores e traballadoras segundo establece a lexislación laboral vixente.
Por outra banda queremos que todos e todas os traballadores e traballadoras da SEAGA saiban que o feito de que os/as novos/as seis delegados/as do Comité pola Confederación Intersindical Galega sexan todos/as da zona de Verín e A Limia non vai supor ningunha merma na representación do conxunto de toda a provincia de Ourense, xa que é un feito contrastábel o seu moito tempo de traballo e a experiencia acumulada nos diferentes distritos provinciais; sin deixar de ter en conta as enormes gañas e ilusión coa qu enfrontan os postos de representación, coa intención única de mellorar as condicións de todos e todas os/as seus/súas companeiros/as de traballo.
Luís Ferreiro Fernández
Secretario da Unión Local da CIG de Verín e A Limia