Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 

A CIG CONVOCA MOBILIZACIÓNS O DÍA 19 DE SETEMBRO CONTRA A ESTAFA DA LUZ

06 Set 2021

En Verín faremo-la na Praza do Concello ás 12 horas

A CIG convoca mobilizacións en todas as cidades galegas para o vindeiro día 19 de setembro, baixo o lema “NON Á ESTAFA DA LUZ, Recuperación das Centrais Hidroeléctricas, Tarifa Eléctrica Galega”.

O sindicato propón medidas para mudar o sistema eléctrico

As 8 medidas a adoptar de forma inmediata para garantir o acceso a un ben básico como a electricidade son as seguintes:

1.-O recoñecemento da enerxía como dereito fundamental a unha vida digna que obriga ás Administracións Públicas a desenvolver e fomentar políticas públicas de intervención no sector eléctrico coas que garantir o aceso de todas as persoas á mesma.

2.-Reversión das instalacións hidroeléctricas que teñan rematado e rematen a concesión, destinado os beneficios da produción hidroeléctrica a abaratar o custe da electricidade.

3.- Creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade que xestione as centrais hidroeléctricas cuxa concesión vaia vencendo e, tamén, controle as participacións accionariais que ten a Xunta noutras empresas enerxéticas.

4.- Fiscalización das concesións hidroeléctricas en vigor de acordo á lexislación de augas vixente en Galiza e no Estado español a fin de garantir que a enerxía reservada en favor das Administracións Públicas se destina a baixar o prezo da electricidade.

5.- Modificar o sistema tarifario, limpando a factura de todas as peaxes que non teñen relación directa co funcionamento do sistema eléctrico, coa produción de electricidade: primas renovábeis, custes extrapeninsulares...

6.- Retirada do pool, do mercado maiorista, para fixar o prezo da electricidade, as centrais hidráulicas e as nucleares.

7.- Modificar transitoriamente os impostos que actualmente están presentes na tarifa eléctrica e que pagan inxustamente as persoas consumidoras mentres non entren en vigor as medidas anteriores, reducindo o tipo máximo de IVE actual, do 21%, ao 4% que se aplica aos produtos básicos e, así mesmo, que as empresas deixen de repercutir nas usuarias e usuarios o 7% do imposto á xeración.

8.- Implantación da tarifa eléctrica galega, dunha tarifa eléctrica máis baixa en Galiza, partindo dunha redución do 30% das peaxes do sistema eléctrico.

Dentro destas medidas, hainas de impacto inmediato na factura da luz e medidas a máis longo prazo. A curto prazo salientar a redución da fiscalidade ao 4%, que está agora no 21% para empresas, PEMES e consumos comerciais e, temporalmente no 10% para consumo doméstico, que teñen menos de 10 kw de potencia contratados. E limpar da factura aquelas peaxes que non teñen a ver co propio sistema eléctrico: as primas de renovábeis, que son 6.000 millóns de euros ao ano e os extra custos extrapeninsulares para compensar solidariamente o alto prezo da xeración de electricidade que teñen en Canarias, Baleares, Ceuta e Melilla, uns 750 millóns de euros ao ano. Ambas partidas que deberían de estar en orzamentos do Estado e non na factura.

Respecto das outras medidas que, aínda que non teñen impacto inmediato deben levarse a cabo de inmediato, como a recuperación das centrais hidroeléctricas, considerando que teñen que ir a unha empresa pública galega de electricidade que as xestione. Non hai ningún motivo para que esas centrais sigan sendo xestionadas por mans privadas, algunhas desde hai máis dun século, forzando ao límite a Lei de Augas.

Tamén a modificación do sistema de casación de prezos no mercado maiorista, o chamado pool, que paga todas as tecnoloxías por igual e sempre a custo da máis cara. É un disparate xa de presente, pero máis de futuro,dado que sempre imos ter algunha tecnoloxía cara que vai entrar a producir pola propia demanda enerxética que se prevé no futuro.

Asemade, demándase que se saque do mercado dúas tecnoloxías que están amortizadas e que non emiten CO2, como as nucleares e as hidroeléctricas. Tecnoloxías que, casualmente, están en posesión de Naturgy, Iberdrola e Endesa e que teñen unha posición de forza no mercado.

Volver