A CIG CONSTRUCIÓN CONVOCA CONCENTRACIÓNS NA COMARCA DE VERÍN O VENRES 19
Serán ás 12.00 hr, na praza do concelho de Verín e ás 12.45 hr., no treito da obra do túnel de Cerdedelo (Laza)
A Federación de Construción e Madeira da CIG ven de convocar dous actos de reivindicación e protesta, fronte aos múltiples accidentes ocorridos nos últimos anos nas obras do AVE no sur da provincia de Ourense. Entendemos que non se pode consentir que, dende o comezo de tais traballos, se estean a producir innumerábeis casos de sinistros graves e, mesmo, mortais, con nove falecidos nista altura. A administración, sabedora das precarias condicións de traballo existentes nos tallos do AVE, porque a propria CIG a ten informado por todas as vías, mesmo a penal, fai ouvidos xordos a iste grave problema, que aparella que operarios que acoden ó seu posto de traballo se xoguen a vida en xornadas interminábeis e, en moitos casos, sen as medidas de seguridade preceptivas. Mais, a Administración non só mira para outro lado, como se a xente que traballa pra comer non tivera valor, senón que, por riba, se atreve a mandarnos “sudelegados” para celebrar o avanzo das obras, como aconteceu o pasado 15/10/18 na persoa do Director Xeral de Construción de ADIF, tan só 5 días despois da morte dun traballador en accidente laboral; ao que nen sequera tiveron a “humanidade” de honrar, prefirindo tirarse unhas fotos propagandísticas.
O problema aínda agrava mais cando se fala do colectivo de traballadoras/es transfronteirizos: os portugueses/as, colectivo moi numeroso e máis vulnerábel pola súa situación de desprazadas/os, que sofren en maior medida a arbitrariedade e a desprotección.
Como exemplo do que estamos a denunciar abonda con publicar umha, da múltiplas sentenzas xudiciais que arreo condenan as UTEs e ás subcontratas por impor xornadas maratonianas aos operarios: a ditada polo Xulgado do Social nº 1 d’Ourense o 8/10/18, pola que se condenou a UTE PORTOCAMBA, a REVESTIMIENTOS TUENELES Y ENCOFRADOS SL, a SACYR, SA, a RIO VALLE CONSTRUCCIÓN Y OBRA PÚBLICA SL, a CAVOSA OBRAS Y PROYECTOS, S.A. e a CONSTRUCCIONES MARIANO LÓPEZ NAVARRO, S.A. a pagar, conxunta e solidariamente, a un traballador a contía de 10.793,35 € por ter realizado, nada mais e nada menos, que 1.168 horas extras nun período de 10 meses: de Febreiro 17 a Novembro 17. É dicer, este operario non só realizou a súa xornada ordinaria de 1447,5 horas (en 10 meses), senón que tivo que prestar servizos outras 1.168 horas extras a maiores (2615 horas nun período de 10 meses), nun horario diario de 8 da mañá a 20 da noite, con 1 hora pra xantar. En resumo contratan a 1 traballador para que traballe a xornada que corresponde a 2 traballadores, mais páganlle 1 só soldo. A rendibilidade perfecta do capitalismo ! Mais, tamén a proba que explica a alta sinistralidade nos treitos do AVE e o desleixo absoluto dos órganos de control de abusos do Estado para impedir este tipo de situacións (achégase copia da sentenza)
Istes motivos convocamos, a todos os delegados/as da construción da CIG de Galiza (que se desprazarán en autobuses) e á cidadanía da comarca de Monterrei aos seguintes actos de protesta:
- CONCENTRACIÓN DIANTE DO CONCELLO DE VERÍN:
O venres día 19 de outubro ás 12:00 horas
- CONCENTRACIÓN NO TREITO TÚNEL DE CERDEDELO NO CONCELLO DE LAZA.
O venres día 19 de outubro ás 12.45 horas.

