Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A administración concursal ratifica os argumentos da CIG e os traballadores/as a respecto da actuación da Vidreira do Atlántico

11 Mar 2010

Durante a celebración do xuízo por demanda de rescisión de contratos

Nunha vista que se prolongou durante 11 horas, os traballadores e as traballadoras permanecían concentrados ás portas do xulgado onde se decidirá o seu futuro como parte da Vidreira do Atlántico, actualmente en concurso de acredores. O Secretario Confederal de Formación da CIG, Anxo García Torres, amosábase esperanzado ante o resultado da demanda, pois, segundo explicou, todas os argumentos “maxistralmente” defendidos pola letrada da central, Alba Arrizado, foron ratificados polos administradores concursais.

García Torres reiterou que a Vidreira do Atlántico entrou en concurso de acredores por unha decisión do Grupo BA Vidro, ao que pertence, a través da que a multinacional busca represaliar a loita sindical exemplar que os traballadores/as veñen desenvolvendo dende hai máis de ano e medio, liquidando a actividade na factoría da Limia e trasladando a produción á fábrica de León.

Neste senso, García Torres lembra que a Vidreira non é unha empresa autónoma, senón “unha unidade fabril dentro do Grupo BA. A Vidreira só compra e vende no mercado ao grupo empresarial e non pode buscar financiación que non proveña do propio grupo”. Polo que non existen garantías de que non fose a propia multinacional a que inducira a quebra da planta de Xinzo.

Procesos paralelos

Neste momento existen dous procedementos paralelos na Vidreira; por un lado o propio proceso do concurso de acredores no xulgado do mercantil, no que a CIG e os traballadores/as tamén están personados na procura de que se declare ilícito este concurso e se condene á empresa e ao Grupo BA.

Así mesmo, os traballadores/as víronse abocados a presentar demanda de extinción de contratos no Xulgado do Social, previa á resolución do mercantil, co obxecto de acadar indemnizacións maiores que as previstas pola lexislación nos procesos concursais e limitadas a 20 días por ano traballado. “Atopamos un resquicio na lei que nos permitiu solicitar a rescisión dos contratos no xulgado do social”, explica o Secretario Confederal de Formación, “a lexislación contempla que nos casos de falta de ocupación efectiva ou de vulneración dos dereitos fundamentais o persoal poderá recorrer á esta vía, antes de que o mercantil resolva o concurso”.

A este respecto, García Torres subliña que os traballadores/as da Vidreira están sen ocupación efectiva dende o pasado 28 de decembro, cando a dirección acordou de xeito unilateral e ilegal, paralizar o forno de fusión, suspendendo así toda actividade na factoría. A maiores, o persoal argumenta que a empresa violou de xeito sistemático os seus dereitos á folga, a liberdade sindical, á tutela xudicial efectiva e á negociación colectiva.

Para demostrar os seus argumentos, achegáronse “múltiples e varias probas”, tales como a prohibición de acceso á factoría aos asesores sindicais, coaccións aos traballadores/as para que non secundasen as folgas, unha acta da Inspección de Traballo na que se acredita que houbo violacións do dereito á consulta e outra acta da Inspección na que se recoñece a falta de ocupación efectiva e dous autos do mercantil nos que se considera que hai cese de actividade na Vidreira. 

“Xa que non podemos solicitar a rescisión do peche da planta, cando menos téñenos que admitir a demanda e rescindir as relacións laborais”, aseveraba García Torres, quen destacou a unidade de todos os traballadores e traballadoras nesta loita que veñen desenvolvendo dende hai máis de ano e medio.

Sancións á Vidreira e ao Grupo BA

A CIG e o persoal solicita que se condene á empresa a indemnizar aos traballadores/as con 45 días por ano traballado, así como unha indemnización complementaria por violación de dereitos fundamentais, que estiman varíe entre os 6.000 e os 100.000 euros, en base aos estabelecido na Lei de Infraccións e Sanción na Orde Social, pola que se rexen as sancións da Inspección de Traballo.

Así mesmo, solicítase que se condene ao Grupo BA por estes feitos, recoñecendo deste xeito que o conglomerado empresarial é o administrador de feito da Vidreira do Atlántico. Tanto é así que o presidente do Grupo, da Vidreira e das plantas de León e Extramadura é a mesma persoa: Jorge Alexandre Tavares, que foi quen decidiu non renovar o empréstito do Grupo coa Vidreira en setembro de 2009. Decisión que propiciou o inicio da demanda de concurso de acredores.

“Queda acreditado que existe confusión de traballadores/as, dirección e patrimonio da Vidreira e o Grupo. A Xustiza ten que considerar que o Grupo foi o responsábel da quebra da factoría da Limia e que, polo tanto, non existe situación de insolvencia que xustifique o concurso, senón que se  trata dunha represalia contra o persoal”, advirte García Torres.

A administración concursal avala os argumentos da parte social

O responsábel da CIG de Verín amosouse gratamente sorprendido pola actuación dos tres administradores concursais na súa declaración no Xulgado do Social, pois durante a súa comparecencia pronunciáronse inequivocamente a favor dos argumentos dos traballadores/as: declarando nulo o ERE, advertindo da actuación fraudulenta da empresa, asegurando que non existe insolvencia e subliñando a falta de colaboración absoluta da dirección coa administración concursal.

García Torres resaltou o significativo que resulta esta comparecencia, xa que na súa declaración a Vidreira e o Grupo BA alegaron que nunca se produciu violación dos dereitos, apuntando a unha suposta actuación violenta de traballadores/as e CIG.

A traizón de CCOO e CSIF

A este respecto, García Torres denunciou a complicidade amosada por CCOO e CSIF, tamén con representación na empresa, coa dirección e á traizón que teñen realizado á loita do conxunto do persoal. De feito, a empresa presentou na súa defensa escritos de ambas organizacións sindicais, nos que se desmentían as acusacións de violación dos dereitos dos traballadores/as. “Os sindicatos podemos cometer moitas equivocacións, pero logo dun ano de pelexa e cos traballadores e as traballadoras dependendo da xustiza, defender a un grupo multinacional que practica un capitalismo salvaxe e especulativo, facilitándolle escritos falseados, é ser uns desalmados e significa deixarse pór prezo dalgún tipo”, denuncia o Secretario Confederal de Formación.

Agora, os traballadores e as traballadoras terán que agardar á resolución do xulgado do Social para coñecer o seu futuro laboral.

Volver