Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

UN NOVO ACCIDENTE MORTAL, DUN TRABALLADOR DO AVE EN LAZA, VEN A REFORZAR A DENUNCIA PENAL INTERPOSTA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA

10 Out 2018

CIG solicitará que se incorpore á causa xudicial aberta o accidente de Laza no que faleceu un traballador das obras do AVE, afiliado da CIG na Unión Local de Verín.

A CIG vai solicitar que se incorpore á causa xudicial aberta, toda a información relativa ao accidente mortal deste mércores en Laza para que sexa, no marco desa investigación penal, onde se depuren as responsabilidades que puideran derivar de tal sinistro.

Cómpre lembrar que, a raíz da denuncia penal presentada pola CIG, en decembro do ano pasado, están abertas dilixencias previas no xulgado de Instrución de Verín, co obxecto de determinar se a alta sinistralidade na vía do camiño de ferro pode ter consecuencias penais, polo “desleixo absoluto” á hora de evitar os graves accidentes, varios deles mortais, ocorridos nisas obras na provincia de Ourense dende o ano 2013.

Este mércores, aos catro falecidos que a CIG contabilizou no momento de presentar a denuncia, hai que sumarlle unha nova morte e isto ven indiciar, como mínimo, a ineficacia ou a inexistencia das preceptivas medidas de prevención e seguridade para garantir a saúde e a integridade dos operarios e operarias das obras deste treito da liña de alta velocidade. Ista precarización laboral multiplícase no caso dos operarios/as procedentes de Portugal

Dende a Federación de Construción e Madeira da CIG debemos insistir en que a responsabilidade da prevención niste tipo de obras é tanto das empresas adxudicatarias e subcontratadas, como do proprio Estado que, ao cabo, é o promotor das mesmas; sendo ambos, no seu caso, posíbeis responsábeis das súas consecuencias.

Polo dito, a CIG vai dirixirse ao xulgado de instrución que leva a causa para que requira aos servizos de Protección Civil de Laza, aos bombeiros/as de Verín, a Garda Civil, á Consellaría de Traballo, ao ADIF e ás proprias empresas toda a información relativa ao accidente, a fin incorporala á investigación, tentar a aclarar o sucedido e, no seu caso, esixir que se depuren as posíbeis responsabilidades.

Finalmente, a central sindical quere transmitir o seu pesar pola morte tráxica deste compañeiro, e ponse a enteira disposición da familia para o que precise

Volver