Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

CONCENTRACIÓN EN OURENSE CONTRA O DESMANTELAMENTO DO SISTEMA SANITARIO PÚBLICO

18 Xan 2018

Terá lugar o mércores 24 ás 20 horas na Praza Maior

A plataforma SOS Sanidade Pública fai unha convocatoria de concentración para o vindeiro mércores día 24 de xaneiro ás 20 horas na Praza Maior,  e unha manifestación nacional en Compostela para o día 4 de febreiro, ás 12:00 horas, con saída da Alameda. A plataforma denuncia a política de recortes, privatizacións e a mala xestión do Partido Popular, alerta das graves consecuencias que isto ten para garantir unha atención de calidade e chama a todas as usuarias e usuarios a defender o sistema sanitario público galego.


As mobilizacións estaban xa previstas antes de que se produciran os graves colapsos que sofren os servizos de urxencias nestas datas. Colapsos que se atribúen precisamente “á política sanitaria do PP” que chaman a combater.

Unha política por mor da que se pecharon, desde o ano 2009, un total de 790 camas nos hospitais, segundo estima a AGDSP, e que debilitou a estrutura de Atención Primaria.

Atención Primaria

Os cupos en primaria son de en torno a 1.600 doentes na periferia das cidades e que máis do 50% teñen cupos superiores a 1500 “pola ausencia de creación de prazas e a perda progresiva de persoal”.

Ademáis a falta de cobertura de ausencias de todo o persoal, con bloqueo de axendas, ou contratación na maioría dos casos por 3 horas. Isto xunto cunha perda progresiva de presuposto xa que, tal e como sinalaron, para 2018 a porcentaxe total é do 13%, cando a recomendación internacional é dun 25%.

Para SOS Sanidade Pública hai tamén unha ausencia de estrutura directiva, ao perder entidade propia, sendo subalterna dos obxectivos sanitarios hospitalarios.

Decreto para financiar a sanidade privada

As e os representantes de SOS Sanidade Pública alertan tamén do incremento das listas de espera e dos efectos perversos do ‘Decreto de tempos máximos de espera’, en vigor desde o 10 de xaneiro, co que o PP pretende combatelo.

“É, directamente, unha fonte de financiamento da sanidade privada”, denuncian, porque a/o doente non pode elixir xa que “se rexeita a oferta de centro que se lle fai desde a sanidade pública perde o dereito ao tempo máximo garantido”. De feito, o propio decreto di que “o exercicio do dereito de garantía de tempos máximos prevalece sobre o dereito de libre elección”.

Ademais, o centro ofertado pode ser en calquera lugar do territorio galego e se non se lle oferta un centro público ou concertado a/o paciente pode decidir pagalo con dereito a reembolso. “Isto será posible só para quen dispoña dos cartos para pagar previamente”, advertiron.

En todo caso, os tempos máximos só están garantidos nos casos de cancros, patoloxía cardiovascular grave, desprendemento de retina e hidrocefalia, polo que “o resto terán que seguir esperando”, aseguraron.

Política de privatizacións

SOS Sanidade Pública denunciou tamén as privatizacións, tanto no relativo a concesións, como no hospital de Vigo, como no que se refire a sectorización privada, como POVISA, ou á concertación sanitaria e externalizacións.

Mais tamén outras formas máis agochadas de introdución do negocio e os intereses privados na sanidade pública como o procedemento de compra innovadora con financiamento da investigación para empresas privadas; o control da investigación e a formación dos médicos pola industria farmacéutica; o procedemento de adquisición tecnolóxica público-privado do diálogo competitivo ou a introdución de empresas privadas na xestión do servizo como medtronic en cardioloxía.

Contra o Proxecto de Modificación da Lei Galega de Saúde

Coas mobilizacións convocadas SOS Sanidade Pública quere manifestar tamén o seu rexeitamento ás modificacións que o PP pretende introducir na Lei de Saúde. Modificacións coas que se reduce a atención dos hospitais comarcais ao centralizar servizos nas cabeceiras de provincia, eliminando as áreas sanitarias da Mariña, Monforte, O Barco e O Salnés, o que suporá perda de autonomía, capacidade de planificación sanitaria e recursos propios. “Pode ser que teñan recursos ambulantes que vaian desde a capital de provincia pero non serán propios do hospital”, advirten.

Xunto a isto aseguran que se reducen as posibilidades de participación social na sanidade, na avaliación da xestión e dos obxectivos sanitarios, limitándose a información e asesoramento.

Denuncian que consolida o modelo de xestión das EOXI, ligado ao hospital e que sitúa a atención primaria de modo subalterno, dirixindo o sistema cara un “modelo hospitalocentrista orientado á enfermidade e non á promoción da saúde, que escapa da prevención da enfermidade e de incidir nos determinantes de saúde”. Precisamente a estratexia que pode asegurar a sostibilidade da sanidade pública e que mellores resultados dá en saúde.

Denuncian tamén que consolida a presenza dos intereses privados na investigación pública e na docencia.

 

Volver