Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

Seguimento do 100% do persoal na folga de "Vidreira do Atlántico", que se avalia como "un éxito total"

12 Xan 2009

Os servizos abusivos de seguridade fixados están denunciados no Xulgado

O conflito na fábrica da Vidreira do Atlántico lévase arrastrando desde hai varios meses pola negociación do convenio e contra a perda de dereitos que a empresa quere impor nesta factoria. Asi, Anxo Iglesias, voceiro do Comité de Folga e da CIG, sinalaba que "estamos diante desta situación porque nos vimos na obriga de convocar esta folga, que queria ser un toque de atención e que resultou un éxito total polo apoio e o álto ánimo do conxunto do persoal, que está moi unido para gañar este conflito".

Antes de chegar á convocatoria de folga, que comezou o domingo 11 de xaneiro ás dez da noite, tiveron lugar distintas xuntanzas na que "os traballadores foron moi fléxibeis, porque o que demandamos é que se deixen de facer unhas 250 horas extras, que ademais non se pagan, e que non se suprima o noso plus de actividade, pero até neste ponto fomos quen de negociar, porque para nós é fundamental o futuro e a viabilidade desta fábrica de vidro na nosa comarca".

Proposta do Comité de folga

De feito, a proposta do Comité de folga nunha xuntanza mantida o venres coa Dirección da empresa consistíu, basicamente, en:

1º.- Mantemento do 35% do Plus de Actividade, reducindo as súas pretensións iniciais a respeito do 50% do Plus de Actividade.

2º.- Redución en tres anos (2009 a 2011 1/3 cada ano) do 65% a suprimir do Plus de Actividade.

3º.- A partires do 4º ano e durante 3 (2012 a 2014), recuperación (1/3 cada ano) dun 35% do Plus de Actividade suprimido, para chegar a consolidar no ano 2014 o 70% do Plus de Actividade Actual.

Coa anterior proposta a empresa aforraría, no período 2009 a 2014, a cantidade de 370.000 euros, coa que se podería contratar ao redor de 18 traballadores/as (unha quenda enteira de produción financiada polos salarios de todos os traballadores/as).

A resposta empresarial, "na súa tónica habitual de ameazar co peche da factoría de Xinzo, rexeitou a oferta feita polos traballadores/as unha vez mais, demostrando a absoluta falta de vontade de arranxar un problema criado exclusivamente pola intransixencia directiva".

O conflito dos servizos esenciais

A partires dese momento, o Comité de Folga, transmitíu á Dirección a súa proposta de servizos esenciais, que pivotaba sobre dous eixos:

  1. O mantemento do funcionamento da maquinaria

  2. O verquido do vidro resultante do proceso nos fosos dispostos para tal fin nos sotos da factoria.

A Dirección, pola súa banda, indicou que a súa pretensión era non verquer o vidro en depósitos (como de feito fai en situacións especiais: nadal, accidentes, cambios etc.), senón destinalo a producir botellas, aínda que logo asegurou que se comprometía a destruílo.

Así as cousas, o Comité de Folga, mantivo a súa alternativa indicando que o número de traballadores/as a destinar a eses servizos tiña que ser o mesmo que o número de operarios/as, destinados pola Dirección a situación de parada de produción, como o Nadal, Arranxos etc.: un máximo de 7 por quenda de traballo.

A empresa, rexeitou a proposta e nen concretou o número, nen os traballadores que pretendía destinar a servizos esenciais

Rematada a reunión, a Dirección empresarial comezou a notificar individualmente (non ao Comité de Folga) as designacións aos traballadores/as efectados.

Medidas sobre estes "abusivos" servizos

Perante tal situación, de falta de negociación real co Comité de Folga e imposición individual duns servizos abusivos que ascenden a un 60% da sección de produción (sobre 45 traballadores de 70 desa sección), o Comité de Folga, adoptou as seguintes medidas:

1º.- Garantiu a seguranza das instalacións, máquinas e persoas como é o seu deber.

2º.- Impugnou a decisión da empresa o luns perante o Xurisdición e solicitará as correspondentes indemnizacións económicas, cálculadas en base á produción realizada nos días nos que se manteñan eses servizos abusivos, co obxecto de resarcir os danos e prexuízos ocasionados aos traballadores folguistas e ao Comité de Folga, pola violación do Direito de folga con servizos abusivos.

3º.- Tal e como xa estaba previsto e dado que non se pagou aos traballadores a nómina completa do mes de Nadal, o luns presentouse un escrito na fiscalía de Ourense solicitando unha investigación sobre as responsabilidade do Presidente do Grupo BA: Jorge Alexandre Tavarés Ferreira, do Director operativo: Rafael Corzo Pantoja e do Director de Recursos Humanos: Fernando Amilivia González, por se a súa responsabilidade no impagamento dos salarios puidese ser constitutiva do delicto tipificado no artigo 315 do Código Penal, relativo á violación dos dereitos dos traballadorsas.

4º.- Comunicouse a entrada na factoría do Comité de Folga tantas veces como sexa preciso, a efectos de cumprir coas súas función de seguranza e información a traballadores non folguistas.

"Non quixemos rebentar a produción"

Anxo García subliñou que "con esta primeira chamada de atención á empresa, que non esperaba esta forte resposta,  non queriamos rebentar a produción nin crear un conflito, senón tentar dar unha mostra de forza para que remate a intransixencia desta dirección". O voceiro do Comité de Folga engadiu que as únicas incidencias se rexistraron cando nun primeiro momento se tentou bloquear o acceso do Comité de Folga ao recinto, "que é algo ilegal, porque temos todo o dereito a informar aos traballadores dos seus dereitos".

Quince dias para se sentar a negociar

A partir de agora "agardamos que nos próximos quince dias (data na que xa hai convocada outra xornada de folga) a dirección da empresa se sente a negociar e con outra actitude, porque senón as propostas dos traballadores se van invertir e van incrementar sensibelmente as súas demandas, e imos deixar de convocar unha folga de avisos puntuais e daquelas si que cambiarían as cousas. Ademais continuarán en marcha todas as medidas xudiciais contra todas as vulneracións dos nosos dereitos como traballadores".

Denuncia presentada

Ao final desta nova encontraredes un documento que é a denuncia presentada o o luns 12 de xaneiro.

Volver