Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

PROPOSTA DA CIG AO CONCELHO DE XINZO DE LIMIA PRA SUBSCRICIÓN DUN PACTO COLECTIVO DIRIXIDO A NORMALIZAR AS RELACIÓNS LABORAIS E SOCIAIS

03 Xul 2014

Durante a reunión da Mesa Xeral de Negociación a CIG presentou a súa proposta ao Grupo de Goberno do Concelho

Co obxecto de poder retomar a negociación colectiva no Concelho de Xinzo de Limia e, consecuentemente, a paz social, a Confederación Intersindical Galega, no marco da reunión da Mesa Xeral de Negociación para a aprobación dos Orzamentos 2014, propuxo debater umha serie de alternativas, dirixidas a conseguir o obxectivo de normalizar as relacións laborais no ente local, por medio da subscrición dun acordo colectivo de paz social.

1º.- PROPOSTA SOBRE A PARTE FORMAL DO ACORDO:

a) Natureza do acordo:
A propria negociación, por medio da MXN, confire o carácter colectivo ás materias que se discutan e aproben e, nese sentido, a CIG, considera que é procedente que o futuro pacto se asine polas partes e se publique no Boletín Oficial da Provincia.

b) Duración do acordo:
A CIG propón como duración do pacto 10 anos.

c)Ultraactividade:
O acordo ao que se poida chegar seguirá vixente, chegado o termo pactado, até que sexa substituído por un novo, produto dumha negociación colectiva da que resulte un pacto entre as partes.

d) Vinculación:
A CIG considera procedente que o acordo ao que se chegue obrigue ás partes ao seu cumprimento, nos proprios termos que se negocien, durante o período de vixencia que se pacte; comportando, o incumprimento do acordado por algumha das partes, a perda da vixencia e dos efectos do mesmo.

e) Causas de rescisión:

A CIG considera procedente fixar, entre outras, as seguintes cláusulas de rescisión unilateral do pactado, que darían lugar á entrada en xogo da base de retroacción dos seus efectos:

Aquilo que se subscriba debe aparelhar a aceptación voluntaria, polas partes, de excluír, durante a vixencia do acordo, a formulación ou activación doutras medidas de axuste, redución salarial ou de redución de efectivos, tais como as propostas no plano de axuste e descartadas como consecuencia do pacto.
A actuación unilateral de calquera das partes contra o pactado, modificándoo ou alterándoo, debe xerar o dereito á outra parte á rescindir o acordado, por incumprimento e á entrada en xogo da cláusula de retroacción de efectos.
A aplicación futura de medidas complementares de axuste económico e/ou normativo nas condicións de trabalho do persoal, derivadas de novos cambios lexislativos, entenderanse subsumidas no contido do acordo que se alcance; obrigándose as partes a convocar á Comisión de Seguimento do Acordo, a efectos de facer o trabalho de acomodación dos cambios lexislativos que se poidan producir ao contido do acordo ao que se poida chegar, como consecuencia deste proceso negociador.

g) Retracción de efectos:
A CIG considera procedente que se estabeleza umha cláusula de garantía, para as partes, que implique que, en caso de incumprimento do pactado ou rescisión unilateral do acordo, se produza a retrotracción dos efectos do pactado á data da na que se subscriba o acordo; con compensación á parte que sufra o incumprimento.

En concreto, deben estabelecerse, como mínimo tres obrigas:

* En materia de redución salarial: o Concelho obrigaríase, en caso de incumprimento ou rescisión unilateral do acordo, a devolver aos trabalhadores/as afectados/as as cantidades detraídas dos seus salarios, dende o 5 de Setembro do 2012 deica o momento no que se producir o eventual incumprimento do mesmo .
* En materia de dereito ao salario: as partes obrigaríanse, en caso de incumprimento ou rescisión unilateral do acordo, a reestabelecer o salario e a estrutura salarial vixentes antes do 5/9/12, con efectos dende o momento no que algumha das partes denunciase o incumprimento do acordado.
* En materia de dereitos e obrigas derivados das normas convencionais: as partes obrigaríanse, en caso de incumprimento ou rescisión unilaterlal do acordo, a reestabelecer as normas contidas no Convenio Colectivo vixente, antes da modificación sufrida o 5/9/12, con efectos dende o momento no que algumha das partes denunciase o incumprimento do acordado.

2º.- PROPOSTA SOBRE A PARTE SUBSTANTIVA DO ACORDO:

Aceptadas as anteriores bases e estabelecido un marco de xogo para desenvolver o pactado, a CIG aposta por chegar a un entendimento co Concelho de Xinzo da Limia, nos seguinte termos, de cara a acadar umha redución da masa salarial do Concelho de 500.000 €/ano, así como de cara a viabilizar e estabilizar económica e socialmente a institución, nos próximos 10 anos:

a) Anulación do Acordo do Pleno do Concelho de Xinzo de Limia do 5 de Setembro do 2012

Como condición necesaria pra viabilidade deste acordo, o Pleno do Concelho de Xinzo de Limia debe tomar a decisión de anular o acordo do 5 de Setembro do 2012, polo que se modificou e suspendeu parte do Convenio Colectivo do Persoal Laboral, restabelecendo a súa vixencia íntegra.

b) Plano de prexubilación para o persoal con 60 ou mais anos de idade:

A CIG propón un PLANO DE PREXUBILACIÓN para o persoal laboral que na actualidade tenha 60 ou mais anos de idade, así como para o persoal que no futuro vaia cumprindo 60 anos, consonte cos seguintes criterios:

1º.- Extinción das relacións laborais pactada no marco deste proceso de negociación.

2º.- Pagamento dun complemento mensual a todos os trabalhadores/as acolhidos ao plano, durante os 2 anos posteriores á extinción contractual, que cubrise a diferenza entre o 100% do seu salario mensual (incluídas as pagas extras) e a prestación contributiva por desemprego, sempre que durante eses 2 anos estivesen no paro, sen poder acceder á pensión de xubilación.

3º.- Pagamento dun complemento mensual a todos os trabalhadores/as acolhidos ao plano, a partires do inicio do 3º ano posterior á extinción contractual, que cubrise a diferenza entre o 75% do seu salario mensual (incluídas as pagas extras) e a prestación por desemprego a que tivesen dereito; cumha duración máxima até o momento no que causasen dereito á pensión de xubilación.

4º.- Pagamento, a cargo do Concelho, do custe dun Convenio de Colaboración coa Seguranza Social, para o complemento das cotizacións sociais dos trabalhadores/as acolhidos ao plano, a partires do inicio do 3º ano posterior á extinción contractual, que cubrise a diferenza de cotización entre o subsidio por desemprego e o 100% do salario mensual do trabalhador/a (incluídas as pagas extras) e cumha duración máxima até o momento no que o afectado/a causase dereito á pensión de xubilación. A data actual, a execución deste plano aparelharía dous efectos beneficios para o posíbel acordo:

a) Os trabalhadores/as afectados ficarían protexidos até a data da súa xubilación.

b) O Concelho de Xinzo da Limia faría importantes os aforros salariais.

5º.- Cada trabalhador/a novo que se incorporase ao plano de prexubilación, a maiores dos 8 que actualmente contan con 60 anos ou mais, aparelharía un novo aforro para o Concelho de Xinzo da Limia e obrigaría á institución a convocar a Comisión de Seguimento do Acordo, para distribuír a cantidade aforrada na masa salarial dos trabalhadores/as non afectados, de tal maneira que a redución salarial que se proporá para os non afectados, iría minorando cos incrementos que se producirían como consecuencia dos aforros derivados de incorporacións ao plano de prexubilación de novos trabalhadores/as

c) Execución das Sentenzas que anulan contratos:

De cara a evitar que o Concelho incorra en mais gastos, derivados de eventuais execucións por incumprimentos de sentenzas, o ente local tería de executar voluntariamente as resolucións xudiciais, extinguindo todos os contratos anulados pola xustiza.

d) Modificación das condicións de trabalho de operarios/as indefinidos para ocupar os postos do persoal temporal descontratado e do persoal prexubilado

A CIG, co obxecto de que o Concelho poida suplir ao persoal prexubilado e con contrato finalizado, pactaría, tras o correspondente estudo de necesidades, a modificación substancial das condicións de trabalho, en materia de funcións, daquel persoal non afectado polas medidas extintivas, preciso para tais suplencias.

e) Anulación da redución salarial imposta o 5/9/12, distribucións equitativa dos esforzos de redución salarial e devolución das retencións indebidamente realizadas.

A CIG pactaría coa institución municipal umha reordenación da estrutura salarial e do salario do persoal laboral indefinido. 

Nas nóminas do persoal laboral incorporaríase un complemento redutor do 5%, co obxecto de que a cantidade que correspondese a cada trabalhador/a, derivada desa achega, restase do resto dos complementos salariais, minorando, nisa porcentaxe, o seu salario bruto.

Os efectos da redución do 5% retraeríanse ao 5 de Setembro do 2012. En consecuencia, o Concelho de Xinzo de Limia obrigaríase a devoltar o 10,11% do salario, a todo o persoal laboral ao que se lhe practicase a minoración do 15,11%, imposta o 5/9/12.

O período a devolver sería o abranguido entre o 5/9/12 e a data na que se subscriba este acordo.

O Concelho de Xinzo de Limia, aprobaría esta medida redutora pra todo o persoal ao seu servizo, laboral, funcionario e político, sen facer distincións de nengumha clase.

f) Prohibición de horas extras

As partes pactarían a prohibición de realización de horas e servizos extraordinarios para o persoal laboral e funcionario do Concelho.

g) Prohibición de repartos de produtividade e semelhantes ao persoal funcionario e laboral a partires da data de subscrición do acordo

As partes pactarían a prohibición de repartos de produtividade entre o persoal laboral e o persoal funcionario durante os 10 anos de vigor do acordo.

h) Extinción de contratos e privatizacións:

Extincións de contratos e privatizacións:

* No caso de extinción improcedente: opción do trabalhador/a pola readmisión.
* No caso de extinción obxectiva procedente: 45 días de salario por ano de servizo.
* No caso de que se varíe, legalmente, a natureza xurídica dos contratos indefinidos na Administración, o Concelho recoñecería ao persoal laboral indefinido, pra supostos de fin de contrato, os mesmos dereitos que os estabelecidos no caso de extincións improcedentes e/ou obxectivas.
* Renuncia municipal á privatización de servizos.
* Privatización de servizos imposta por norma estatal ou autonómica: dereito do trabalhador/a a ficar no Concelho de Xinzo de Limia, recolocado noutro posto de trabalho, con idénticas condicións salariais e laborais.
* Amortización de postos de trabalho derivada de privatización de servizos imposta por norma estatal ou autonómica: dereito do trabalhador a ser subrogado na empresa á que se lhe adxudiquen os servizos municipais, coas mesmas condicións salariais e laborais que as que gozaba no Concelho de Xinzo de Limia. Asemade, dereito do trabalhador/a a ser subrogado polo Concelho de Xinzo de Limia, no caso de que o Concelho extinga a concesión á empresa adxudicataria, tanto pra outorgarlha a outra empresa, como para rescatar a xestión pública. Igualmente, dereito do trabalhador/a a ser subrogado polo Concelho de Xinzo de Limia, no caso de que a empresa adxudicataria despida ao trabalhador/a improcedentemente ou extinga a súa relación laboral por calquera dos sistemas, individuais ou colectivos, de extinción previstos na lei.

i) Pacto para a elaboración e aprobación da Relación de Postos de Trabalho do Concelho de Xinzo

As partes acordarían, na prespectiva de elaborar umha RPT, para o Concelho de Xinzo da Limia, o seguinte:

* Que o sistema de acceso á condición de persoal fixo e/ou funcionario fose o de consolidación extraordinaria de persoal, para todos os trabalhadores/as indefinidos do Concelho de Xinzo da Limia; debendo aprobarse polo Pleno municipal xunto co acordo que derive desta negociación.
* Que os membros do Tribunal ou Tribunais do proceso de consolidación extraordinaria, estivesen decretados polo Alcalde e aprobados polo Pleno Municipal, ao mesmo tempo que o acordo que derive da actual negociación.

j) Renegociación do Convenio Colectivo do Persoal Laboral do Concelho d Xinzo

As partes acordarían a revisión do Convenio Colectivo para o Persoal Laboral do Concelho.

j) Renegociación das Bases de Contratación para o Persoal Laboral Temporal do Concelho de Xinzo

As partes acordarían a revisión das actuais Bases de Contratación do Persoal Laboral Temporal, estabelecendo umha limitación da contratación temporal á dotación orzamentar existente para este fin, pactada na Mesa Xeral de Negociación a primeiros de cada no; tendo de estar concluída a negociación xunto co acordo que derive da actual negociación.


En Xinzo da Limia a 2 de Xulho do 2014

Volver